-Despois de moitos anos de traballo, o vindeiro ano Brothers in Band dá o salto internacional.

-Pois si, despois de todos estes anos facendo cousas por aquí e de medrar a banda, tanto en número de membros como de produción. En febreiro e marzo estaremos en España e só daremos un concerto en Galicia, que será no Palacio de la Ópera, o 20 de febreiro. Presentaremos o novo espectáculo, despois de tres anos, cando tocamos no Rosalía de Castro. E, en abril marchamos para Alemaña.

-Cantos concertos serán?

-En principio, son nove concertos, pero vanse ampliar as datas, seguro, e botaremos todo o mes alí. Agora mesmo creo que, entre febreiro e marzo, xa non temos ningunha data libre para tocar na península e a ver se facemos algo por aquí tamén cando volvamos de Alemaña.

-E como xorde a oportunidade de marcharen?

-Levamos moitos anos traballando para dar este salto internacional e o esforzo deu resultado. É un paso moi importante e outro punto de inflexión máis na vida da banda. Desde o 2008 cando empezamos tocar até hoxe houbo moitos momentos importantes. Pasamos de sermos catro integrantes aos actuais quince. Dedicarnos a tocar só en recintos como teatros, palacios de congresos e deixar de facelo en salas tamén é un punto de inflexión. A sorpresa foi que nos ofreceran ir a Alemaña.

-Como é este novo espectáculo, seguen fieis ao son de Dire Straits?

-Si. Até o de agora o que faciamos era recrear o repertorio do concerto de Dire Straits en Vigo. O título do espectáculo xa é unha declaración de intencións, The very best of Dire Straits, a vantaxe que ten con respecto ao anterior é que temos moita máis liberdade para escoller o repertorio. Non nos temos que axustar ao que tocaron en Vigo no ano 1992 e podemos meter outras cancións que, até o de agora, non tocabamos. Está claro que se van repetir algunhas cancións, porque son clásicos. Non podemos deixar de tocar, por exemplo, Romeo and Juliet. A banda madurou moitísimo desde aquelas dúas noites no Rosalía, tanto musicalmente como na posta en escea.

-E como se consegue o son de Dire Straits, coido que teñen reproducións das guitarras que utilizaba Knopfler nas súas xiras.

-Está claro que non somos eles. É como Carlos Latre, que por moi ben que imite a Boris Izaguirre, non é el. Mark Knopfler é Mark Knopfler. O papel dos teclados en Dire Straits ten moitísimo máis protagonismo do que, a simple escoita, se pode percibir. Eu teño réplicas dalgunhas das guitarras que toca el e, no directo, tentamos levar esas guitarras e tocar as cancións coas que o facía el. Eu levo un moble co amplificador exactamente igual que o que levaba Mark Knopfler, os efectos de rever, de delay, de chorus, igual que os del. É moi importante tamén tocar cos dedos e non con púa, que é unha característica do son de Knopfler. Se lle pos unha guitarra calquera na man sempre vai sonar a Mark Knopfler. Pero si que é certo que á xente lle chama moito a atención, de feito, hai cancións nas que toco dúas guitarras diferentes. Dúas desas réplicas teño a sorte de telas asinadas por el.

-O seu obxectivo é reproducir o son de Dire Straits pero, chegan a facer seu o repertorio, deixan espazo para a súa creatividade?

-Non é incompatible. Sempre que me preguntan por que non facemos algo noso eu digo que creo que, se o facemos, será un proxecto completamente diferente, pero agora mesmo temos todos os nosos esforzos en Brothers in Band. Eu comecei a tocar a guitarra porque me gustaba Mark Knopfler, así que, aínda que faga cousas miñas, as referencias están aí, aínda que escoito moita máis música. Nós buscamos que sexa o mesmo timbre, o mesmo son, pero a réplica exacta exacta non nos gusta. As cancións son algo orgánico e considero que son patrimonio da humanidade, non morren.

-E como deixan a súa pegada?

-Pois gústanos, por exemplo, facer un arranxo que eles non facían, ou reinstrumentalizalas. Neste espectáculo tocamos cancións que foron gravadas en cuarteto e ás que nós lles engadimos dous instrumentos máis, así o que fas é que as cancións non morran no ano 1979 ou no 1982. Por que non poderían sonar así as cancións se fosen tocadas por Dire Straits no 2015? Dámoslle outro aire e, así, nós tamén as gozamos máis.