A nova edición do programa Venres nas librarías, promovido polas consellerías de Cultura e Educación, e de Economía e Industria, xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, ofrecerá máis de 80 actividades este ano, durante as fins de semana de outubro e de novembro, para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos. Un total de 17 librarías das catro provincias serán o lugar de encontro de público lector, de libreiros e libreiras e de escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de diferentes propostas.

Ata o 28 de novembro, as librarías converteranse nun espazo de encontro dos lectores con escritores galegos que publicaron algunha obra no último ano. Nomes como os de Xesús Constenla, Afonso Eiré, Sérgio Tannus, Pedro Feijoo, María Reimóndez, Suso Lista e Andrea Barreira darán a coñecer os seus novos títulos a través de charlas, lecturas dramatizadas e poéticas, presentacións musicais e, sobre todo, con propostas nas que se promoverá a participación activa de público de todas as idades.

Xunto coas editoriais e os escritores e escritoras, as librarías xogan un papel central neste programa. En outubro e novembro deste ano, Venres nas librarías chegará aos concellos de A Coruña, Narón, Santiago de Compostela, Cee, Lugo, Foz, Ourense, Lalín, Moaña, Sanxenxo e Vigo.

Como novidade nesta segunda edición, a programación ampliarase tamén aos sábados, con actividades dirixidas ao público máis novo e que xirarán arredor de obras como O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso, publicado por Nova Galicia Edicións; Alegría!, de Sérgio Tannus; Unha viaxe polo mundo, de Maimiñas; ou Un conto do revés, de Fran Amil, editados por Galaxia.

Estes encontros cos libros en galego dos venres e sábados non só se cinguirán ás librarías, senón tamén ás redes sociais, co concurso Andel do agasallo. Cada semana, as persoas que participen deberán adiviñar, mediante diversas pistas, de que libro se está a falar. O lector ou lectora que o acerte levará de agasallo ese novo título editorial.

O concurso realizarase a través das contas de Twitter @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e de Facebook no enlace www.facebook.com/CulturaGalegaXunta.

A segunda edición de Venres nas librarías prolongarase durante os meses de febreiro e de marzo do ano que vén, nos que se programarán novas actividades arredor das publicacións máis recentes, para achegarlle a cidadanía o libro e a lectura a través dos últimos traballos dos escritores e das escritoras galegos.