O presidente da asociación de veciños Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, Alberte Fernández Mariño, falará hoxe no pleno desde o escano cidadán. Tres anos atrás, o 6 de agosto do 2012, foi desaloxado pola Policía Local dese mesmo salón, xunto con outros veciños, por protestar polo traslado da eficabilidade da canteira de Santo Amaro a Durmideiras.

-Por que solicitou poder intervir no pleno e que vai dicir na sesión de hoxe?

-O que vou dicir é o mesmo que o que quixemos dicir aquela vez que nos botaron do pleno do 2012. A día de hoxe aínda se pode construír nesta parcela. O feito de que o anterior Goberno local dixese que non se ía facer, dá pé a que, se se deixa a posibilidade aberta, agora non, e o día de mañá tampouco, pero igual dentro duns anos, alguén queira construír nese lugar, e creo que iso hai que modificalo. O de falar nos plenos é algo que xa existía noutros concellos máis pequenos ca Coruña.

-Levará só este punto, ou aproveitará para facer outras reclamacións?

-Levaremos melloras para o barrio de Durmideiras, como na pista deportiva ou no mercado, que queremos que sexan consensuadas coa xente que traballa alí, e a dinamización do parque da praza Galatea, porque non é un lugar ao que vaian moito os veciños, podería ter xogos para nenos con necesidades especiais. Pediremos tamén que os maiores teñan un sitio no que estar ao longo do día e que se peche pola noite. Era unha das nosas demandas históricas. Levaremos tamén o tema duns talleres que hai na zona, que levamos xa moito tempo reclamando que desaparezan. E melloras tamén para a Agra de Santo Amaro porque, aínda que sempre nos opuxemos a que se construíse alí, o tema é que, agora, se atopa completamente abandonada.

-Considera que trasladar estas reivindicacións ao pleno vai conseguir que se cumpran os obxectivos da entidade?

-Nós o que imos pedir é que se vote no pleno e que se faga a modificación necesaria para que non se poida construír na canteira de Durmideiras. O das melloras é un engadido, pero ímolo dicir para que quede constancia das nosas reivindicacións. Eu creo que non debera haber problemas para facer ese cambio, xa que tanto o PSOE como o BNG nos apoian na reivindicación desde hai anos. A postura da Marea non a sabemos porque naceu pouco antes destas eleccións e a do PP, está recollida nos medios de comunicación, en campaña dixo que desbotaba a opción de construír alí. Agardamos que haxa unanimidade porque parece que todas as forzas están a favor dese cambio.

-En que outros temas está a traballar a asociación?

-A semana pasada metemos por rexistro unhas peticións para que se amañasen varias rúas do barrio, como a Suevia ou a ronda de Monte Alto, que sofre a caída de augas fecais, ou a mellora das pistas deportivas de San Xosé, que é unha das grandes demandas que temos cara a 2016. A rapazada ten que trepar polos valados para poder xogar ao fútbol ou ao baloncesto, igual poñendo en perigo a súa integridade, cando temos unha pista deportiva completamente abandonada. Se a recuperamos para o barrio poderiámoslle dar uso. A rúa Pintor Román Navarro, xa o dixemos co outro Goberno municipal e repetímolo con este, que está nunha situación lamentable. Os edificios están caíndo e, recuperados, darían outra vida ao barrio. En decembro queremos tamén entregar un estudo detallado de todo o barrio onde imos tentar que participe todo o mundo para identificar cales son os puntos nos que non se cumpren as condicións mínimas de seguridade nos pasos de peóns, tanto lumínicas como de sinalización e accesibilidade.

-Hai novidades sobre o convenio da biblioteca?

-De momento, pouca cousa. Estamos á espera de se entra ou non nos próximos orzamentos. Solicitamos xa unha reunión co concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, porque nós pedimos a recuperación do convenio.