Esquece Monelos conta a historia dun ríoEsquece Monelos río, da auga que corre por debaixo do chan e dun curso que lle deu de comer a moita xente pero que, chegado un día, a cidade decidiu agochar. A gravación desta longametraxe, que deixará constancia do percorrido do río Monelosrío Monelos, comezou onte, no barrio de Feáns, onde chegou a haber até máis de vinte lavadoiros públicos, e na oficina do que fora alcalde da Coruña durante dous anos, do 1976 ao 1978, José Manuel Liaño Flores.

Aos seus 94 anos, este home con nome xa de rúa do barrio do Ventorrillo, é memoria viva da historia da cidade, dos seus cambios, das súas conquistas e erros repetidos.

A filmación do curso deste río case esquecido seguirá mañá cun percorrido polos sumidoiros da cidade coa que a directora Ángeles Huerta, confía en poder recoller imaxes dunha ponte de pedra que está "nalgún lugar" entre a rotonda de Novos Ministerios e o edificio que acolle as oficinas da Xunta.

Ese arco, diferente do que se recuperou na rúa Río Monelos, está aínda presente nas lembranzas dos maiores da cidade. "Sempre se di que había un arco de pedra nesa altura do río Monelos", explicaba onte a directora.

"O río foi canalizado en diferentes épocas, así que esperamos que ese paseo polo subsolo tamén nos permita contar e imaxinar como era a cidade naquel entón", comenta a directora.

Ángeles Huerta fala de Monelos como "unha desas cousas que agochamos e das que non nos lembramos até que chove moito e rebordan", como unha desas cousas que están aí, pero aínda non conseguiron o lugar na historia que lles pertence.

A gravación de Esquece Monelos estenderase durante todo o mes de decembro, hoxe tocaralle o turno ao percorrido agochado e, mañá, ao porto de San Diego, xa que haberá unha embarcación no mar encargada de inmortalizar o que era a fin do curso do río Monelos. As cámaras e os focos de luces e os micrófonos irán cambiando de lugar durante todo este mes no que o equipo de Esquece Monelos leva adiante o seu proxecto.

Ángeles Huerta e o coguionista da peza, Antón Núñez, convidarán aos espectadores á reflexión, a pensar en que di dunha cidade ter soterrado un dos seus ríos, unha fonte de riqueza para os lugares polos que pasaba, porque nunca faltaba auga para regar as leiras ou para lavar a roupa branca.