A primeira vez que me fixeron unha análise de sangue debeu de ser nos primeiros anos sesenta do pasado século, cando tiña dez anos. Fun coa miña nai ata a praza de María Pita, á casa que fai esquina coa rúa María Barbeito, e subimos ata o cuarto andar, onde estaba a consulta e laboratorio do médico hematólogo Vicente Goyanes Álvarez (1909-1990).

Acudimos alí porque o meu médico de cabeceira, Luís Trullenque, tiña en alta estima a competencia profesional de Goyanes e porque este non nos cobraba. O seu irmán José traballaba co meu pai nos Laboratorios Orzán e, ademais, os Goyanes eran amigos da miña familia paterna. Tardei pouco tempo en identificalo como un dos numerosos republicanos derrotados, porén pasarían moitos máis anos ata saber que ese señor que me pinchaba e extraía o sangue fora o xefe do servizo de transfusión sanguínea do Exército do Centro da República e como aquela circunstancia incidira na súa vida.

Os Goyanes, unha saga de médicos

O pai de Vicente, José Goyanes Cedrón, foi un médico destinado en Pontedeume, de onde era orixinaria a muller, Dolores Álvarez Pardo. Un tío, Vicente Goyanes Cedrón, desempeñaba a cátedra de Histoloxía e Anatomía Patolóxica da Facultade de Medicina de Santiago e un parente deles, José Goyanes Capdevila, exercía a dirección do Instituto Nacional del Cáncer en Madrid.

Vicente tivo seis irmáns, como el nados en Pontedeume. Segundo as tradicións discriminatorias da época, as dúas mulleres, Dolores e Cristina, non accederon a estudos superiores, porén os cinco irmáns varóns, Ramón, José, Rodrigo, Vicente e Joaquín, estudaron Medicina. E a saga continuou co fillo, Vicente Goyanes Villaescusa, salientable xenetista.

Formación en Madrid

Os catro irmáns de Vicente cursaron a carreira de Medicina, ou polo menos parte dela, na Universidade de Santiago mais Vicente foi estudar a Madrid. A familia contaba alí co apoio de José Goyanes Capdevila, o cirurxián de maior sona da capital.

O catedrático coruñés Roberto Nóvoa Santos foi o seu profesor de Patoloxía e Vicente asumiu, como auxiliar, as clases prácticas da materia desde o curso 1933-34 ata o inicio da Guerra Civil. A prematura morte de Nóvoa, en decembro de 1933, debeu condicionar o destino profesional de Goyanes, quen pasou a integrarse no equipo de Gustavo Pittaluga Fatorini (1876-1958), profesor e investigador de orixe italiana con grande proxección internacional en Hematoloxía e Parasitoloxía.

Nese contexto Goyanes elaborou a súa tese de doutoramento, Influjo experimental sobre la acción cromafoga y péxica del hígado (pruebas con rojo congo), presentada en 1935, e solicitou á Junta para Ampliación de Estudios (JAE) unha bolsa en 1935 para ir ao Institut Pasteur de París a formarse sobre Inmunidade e ao Instituto de Hixiene de Roma, co relevante bacteriólogo Giuseppe Sanarelli (1864-1940). Tamén solicitou outra bolsa en 1936 para acudir ao Tropeninstitut (Instituto de Medicina tropical) de Hamburgo, para estudar os virus.

A transfusión de sangue

No laboratorio de Pittaluga, Laboratorio Central de Investigaciones clínicas y la consulta pública de enfermedades de la sangre, Goyanes aprendeu sobre transfusións sanguíneas co mellor experto do momento en España.

O sangue, que contribúe con elementos fundamentais para a nutrición e defensa do noso organismo, é unha substancia que non se pode fabricar. Á marxe de acontecementos catastróficos, todos os días do ano precisan dela moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, enfermidades crónicas, cancro, leucemia, que reciben transplantes de órganos, etc. E o xeito que teñen de acceder ao sangue é por unha transfusión.

Desde 1993 o Centro de Transfusión de Galicia (CTG), dependente da Consellería da Sanidade e localizado en Santiago de Compostela, subministra compoñentes sanguíneos as 24 horas do día a todos os centros sanitarios da comunidade autónoma. Na Coruña o Chuac conta cun Servizo de Hematoloxía e de Transfusión, con funcións comúns a todo o complexo e un servizo clínico independente. Na nosa cidade tamén actúa a Cruz Vermella e ten lugar o eloxiable labor de promoción da doazón sanguínea pola Hermandad de Donantes de Sangre local.

Xefe de servizo de transfusión do Exército do Centro

Os primeiros intentos de conservar sangue para a transfusión tiveron lugar na década dos anos trinta do pasado século. O inicio da Guerra Civil en España conlevou un avance no tema e xerou a formación de tres equipos. No bando fascista Carlos Elósegui Sarasola (1902-1981), que fora discípulo e colaborador de Pittaluga, dirixiu un activo equipo de transfusión, o Servicio Oficial de Sangre Conservada.

Na parte republicana constituíse o Centro de Transfusión de Barcelona baixo a dirección de Frederic Durán-Jordà (1905-1957), un pioneiro na hemoterapia. Simultaneamente en Madrid Pittaluga creou un servizo de transfusión de sangue na propia Facultade de Medicina, labor no que participaban varios estudantes ao mando de dous licenciados, os galegos Antonio Culebras Souto (1907-1954), co grao de Capitán, e Vicente Goyanes, responsable do servizo, co grao de Maior.

Nesas circunstancias tería lugar o encontro de Goyanes con Norman Bethune, un médico de sona mundial pola súa contribución posterior en China e o artigo que lle dedicou Mao Zedong, En memoria de Norman Bethune, poñendoo como exemplo de internacionalismo e acción humanitaria.

O Instituto Hispano-Canadiense de Transfusión de Sangre

O cirurxián canadense Henry Norman Bethune (1890-1939) acudiu a Madrid en novembro de 1936 á fronte dunha unidade médica para axudar á República. Na rúa Príncipe de Vergara estableceu o Servicio Canadiense de Transfusión de Sangre, con actividade desde decembro de 1936. Ese servizo recollía sangue e, mediante unha furgoneta refrixerada, trasladabaa á fronte de batalla. Ese labor de Bethune, o de Durán-Jordá e o do británico nado en Sudáfrica Reginald Saxton (1911-2004) no desenvolvemento das unidades médicas móbiles foi o modelo para as Mobile Army Surgical Hospital (MASH).

En 1937 as autoridades republicanas ordenaron a unificación dos dous servizos de transfusión madrileños e o novo, baixo a dirección de Vicente Goyanes, pasou a chamarse Instituto Hispano-Canadiense de Transfusión de Sangre, dispoñendo dunha plantilla de cen persoas e cinco coches. No resto da guerra o servizo practicou a extracción de 4.463 frascos de sangue de 400 mililitros, dos que foron usados o 78%.

Remate da Guerra

Ao finalizar a Guerra Civil o xefe do servizo de transfusión do bando rebelde, Carlos Elósegui, estableceu contacto con Goyanes, quen lle fixo entrega das instalacións madrileñas ao que fora colega seu no equipo de Pittaluga, axuntándolle un detallado inventario do material e estado de conservación.

Goyanes foi detido e procesado por un xulgado militar, mais, nunhas circunstancias un tanto esperpénticas, puido fuxir e, coa a axuda dos familiares residentes en Madrid pasou uns meses agachado na capital. Como derrotado non podía continuar coa brillante carreira investigadora e docente que iniciara no ámbito universitario e tampouco exercer a medicina privada, pois o Colexio de Médicos de Madrid o dera de baixa, polo que decidiu vir para A Coruña.

Antes desa marcha protagonizou unha curiosa anécdota. O servizo de transfusión republicano estaba ubicado na planta baixa da embaixada suíza. Os embaixadores deixaran a delegación e todo o seu mobiliario a raíz do asedio da capital, asinando Goyanes un inventario do mesmo. En 1940 a embaixadora suíza voltou para recoller os mobles e comprobou como todo se conservaba en perfecto estado. Tomou contacto con Vicente para agradecerlle a preservación do seu patrimonio e convidouno a tomar o agasallo que desexara entre os diversos e valiosos obxectos de decoración. O médico colleu dúas pequenas pezas de cerámica, unha tirolesa e un coelliño.

Dificultades profesionais, a crueldade dos vencedores

A Vicente se lle abriría un expediente depurativo polo Ministerio de Xustiza e en 1940 anulouse a súa colexiación na Coruña, por proceder de territorio liberado. Os seus irmáns tamén sufrirían depuración e terían problemas coa inscrición no Colexio médico, o que supuña a dramática imposibilidade de desenvolver a súa profesión.

Vicente Goyanes trasladouse para A Coruña porque na nosa cidade residía o seu irmán José, traballando nos Laboratorios Orzán, onde os dous represaliados atoparon un lugar que lles aseguraba a subsistencia, acollidos pola solidariedade de persoas próximas, como o xerente Arturo Taracido, exconcelleiro republicano na cidade coruñesa. Asemade, a empresa veuse ben compensada coa valiosa contribución científica e técnica dos Goyanes.

Anos despois montou un laboratorio privado de análise clínica na rúa Real, que trasladaría posteriormente á praza de María Pita. Mais nese proceso foi continuamente incordiado polos colexios médicos de Madrid e A Coruña, que dilataron moito a reiterada e desesperada solicitude de colexiación. Por outra banda, o seu fillo, Vicente Goyanes Villaescusa, rememora as dificultades do seu pai, a pesar da súa excelente formación, para acadar unha praza no servizo de hemoterapia no daquela Hospital Juan Canalejo. Emocionado, lembra o momento no que os seus pais, chorando, compartiron a nova, un momento de ledicia e de tardío recoñecemento profesional a un excelente médico castigado por servir ao Goberno legalmente constituido.