-Cal é a necesidade de crear una Concellaría específica de Igualdade e Diversidade?

-É unha aposta política da Marea Atlántica. Hai materias transversais que entendiamos que merecían un espazo propio porque cando están incorporadas a outras concellarías perden carácter propio. Eu mesma tiven dúbidas ao comezo porque temía que polo feito de saír da área de Servizos Sociais, que está moi dotada orzamentariamente, a acción en Igualdade perdese capacidades. Unha vez debatido e pensando nese papel transversal, ao final pareceume boa decisión.

-En que estado se atopou os servizos dos que é agora responsable?

-Esta concellaría conta con servizos propios como o de atención a mulleres en casos de vulnerabilidade, os servizos de migración, a rede de acollemento de mulleres ou o centro de orientación familiar. Atopamos uns equipos moi precarios en canto a persoal e dotación económica pero supervivintes, xa que a pesar da falta de medios fan unha labor descomunal. Pero ese é un problema porque o servizo público non pode funcionar en base ao sobreesforzo dos traballadores.

-Contratarán máis persoal?

-É unha das nosas 25 promesas electorais pero coa lei de racionalización do gasto temos moi difícil reforzala. Tamén depende da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que é un proceso lento que hai que negociar con sindicatos e afrontar os límites que pon a lei. Estamos detectando as necesidades máis prioritarias para, polo menos, poder cubrir as máis urxentes e crear a Oficina LGTBQ (Lesbianas, Gais, Transexuales, Bisexuales y Queer).

-No concreto, cales son as consecuencias desta falta de medios nos servizos que presta?

-No centro de información á muller, por exemplo, teñen que priorizar a atención aos casos máis graves, deixándose de atender outros que deben recibir atención e que terían cabida nun servizo máis amplo. Hai moitas violencias, e cando pensemos na violencia de xénero tamén temos que pensar no que sofren as mulleres por seren migrantes, por ter unha orientación sexual concreta ou por non ter un corpo normativo.

-Hai falta de prazas na casa de acollida da muller?

-Non adoita haber problemas con iso. Temos unha casa de acollemento estándar para mulleres que viven unha situación de violencia e despois temos dous pisos de transición á vida autónoma ao que van mulleres que estiveron na casa de acollida ou mulleres que veñen dunha situación un pouco máis forte a nivel emocional ou físico. Hai momentos en que están cheos pero non chegamos a estar sobresaturados.

-Vostede dixo que cando chegou á Concellería só contaba con 89 euros. Cal é agora a situación financeira da súa área?

-Cando chegamos, ao ter que separarnos do que era Servizos Sociais, o primeiro balance daba que só nos quedaban 89 euros, si. Tamén é certo que a transversalidade permitiu ir tirando de fondos de outras concellarías, como a de Xustiza Social e Coidados. Por cousas como esta é importante que o modificativo saíse para diante.

-Para aprobar esta modificación do orzamento, o PSOE pide que retiren os 30.000 euros que se incluíron á marxe das negociacións. Son tan imprescindibles para o Goberno como para non querer retiralos?

-O problema vai máis alá de se eran 30.000 euros ou non, que realmente son unha cantidade ridícula nun orzamento municipal. A miña reflexión é que unha vez máis a Igualdade se convertiu nunha moeda de cambio entre forzas políticas. Para min foi unha chantaxe do PSOE, que pretendía obrigarnos a renunciar a algo que para nós é básico. Eles querían marcar o territorio e forzarnos a votar en contra do voto particular do BNG, cando para min a abstención xa foi unha cesión bastante grande.

-Negánse a ceder por unha cuestión simbólica?

-Máis que por unha razón simbólica foi por unha decisión política. Eles querían vernos votar en contra de algo que a nós xa nos parecía pouco. O modificativo tampouco é representativo do que queremos. É un mínimo.

-Outra das súas promesas electorais era reforzar a Oficina de Apoio ao Migrante. En que fase se atopa iso?

-Agora mesmo esta oficina está composta por tres persoas das cales dúas non son persoal de estructura do Concello. Nós cremos que é un servizo necesario do que non se pode prescindir e que non pode ser precario. A nosa intención é facer un plan de acollemento integral para que unha persoa estranxeira veña e se lle facilite todo o apoio para obter documentación, traballo, acceso ao idioma e acompañamento para eles e as súas familias. A atención non pode consistir só en atender aos que veñen para regularizar os seus papeis, ten que ir máis aló.

-No pasado, colectivos de migrantes denunciaron accións da policía contra o top manta

-Non se deu orde de nada porque non é competencia da Policía Local. A propia policía xa non estaba facendo grandes actuacións nese sentido. Estamos vendo como organizamos iso porque, por unha banda, hai demanda de sectores que piden que se actúe e, por outra, esta xente son veciños da cidade que tratan de vivir como poden.

-Pero en ocasións seguen escapando cando ven achegarse á policía pola rúa Real, por exemplo.

-Si, porque hai anos usouse a policía para unha función que non é a súa. Os axentes non están para mirar a documentación das persoas extranxeiras. Eles téñenlles medo porque houbo casos no pasado nos que os policías, fóra das súas funcións, pasaron a facer algo que non era a súa competencia. É loxico que teñan medo porque pensan que van ir por eles.

-Poden estar tranquilos con este Goberno?

-Pola miña banda, dicirlles que estamos traballando para regularizar a súa situación. Como agora creo que non está pasando nada, estamos abordando o tema desde unha perspectiva que non sexa a das forzas de seguridade. Non é unha situación de inseguridade cidadá senón que é unha situación de pobreza e emerxencia social.

-Por que este ano o Concello non colaborou do mesmo xeito que en anos anteriores na organización da Carreira da Muller?

-Primeiro, cando se puxeron en contacto con nós daban por feito que o Concello ía colaborar e eles todavía non pediran permiso, como tampouco fixeron en anos anteriores. As cousas non se fan así. Tampouco concordabamos co enfoque da carreira, sobretodo no relativo a certas cuestións de xénero que reproducían estereotipos prexudiciais, e consideramos que era un evento privado como calquera outro no que nós só tiñamos que facilitar o lugar e a seguridade pero no que non iamos participar como organizadores. Ademais, para nós non é un acto totalmente solidario, xa que o organiza unha empresa privada que usa unha pequena parte dos beneficios que saca para facer unha aportación solidaria.

-Moitos dos integrantes do Goberno veñen do activismo. Córrese o risco de que este paso que deron debilite os movementos sociais da cidade?

-A Marea nunca foi unha candidatura dos movementos sociais porque non queremos sacar os movementos das rúas. Moitos dos que levabamos anos traballando nese mundo si que nos vamos, pero hai relevo suficiente e seguramente renovado. Ademais, desde o meu punto de vista, non abandonamos os movementos senón que probamos unha nova ferramenta, que é a máis cercana que hai á rua. Se funciona, fantástico. Se persoalmente vexo que non funciona, retirareime e volverei estar onde estaba, que é o traballo de rúa.

-É concelleira na Deputación. Como ve o funcionamento desta institución co actual goberno?

-A min a Deputación provincial veume sobrevida. Eu sempre tiven unha posición contraria a esa institución e se o Concello está a ser un proceso de aprendizaxe difícil o da Deputacion éo moito máis. É unha institución dura e de momento non cambiou a miña reserva sobre estar aí. Resúltame bastante contraditorio ter que participar nesa estrutura coa que non estou dacordo. É evidente que precisa un cambio e estamos vendo que todavía estamos a tratar temas herdados que nos custan. Eu era reacia a estar aí pero me tocou e aínda sigo crendo que a Deputación debe desaparecer e ceder as competencias aos concellos.