Oabandono de tres gatiños ao lado dun colector do lixo en Elviña non é o caso máis grave que ten aparecido nos medios de comunicación. Nin pola crueldade nin pola sorpresa desa estampa podería achegarse a outras situacións que teñen sido documentadas e descritas en xornais, radios e incluso televisións. Con todo, a denuncia pública da Asociación Animalista Libera plantexaba un asunto de fondo: A necesidade de abrir un debate sobre cómo as administracións están a traballar contra unha lacra que tamén supón un incremento do gasto público.

O exemplo da Coruña pode ser aplicable aos centos de municipios galegos. Na nosa cidade houbo quen, perante o abandono de animais, tivo a xenial idea de sacar a concurso un servizo de recollida onde é agora a veciñanza a que financia con máis de 150.000 euros cada ano para asumir esta concesión. Pola contra o plantexamento debería ser outro e non só se debe centrar na parte final, a de capturar ao animal. Temos que traballar, e moito, na prevención e isto só se acada con dúas vías. A primeira é a sensibilización, e a segunda, e pouco prodigada, a sanción.

Entendemos que corresponde aos poderes públicos e á veciñanza tomar partido nunha loita moi desigual, xa que a normativa non se cumpre, a división de competencias entre a Xunta e os Concellos adoita ser caótica neste asunto e existen tamén moi poucas denuncias, o que envalentona a eses desgraciados que son capaces de tirar uns gatos ao lixo. Arroxalos a unha morte case segura.

Por primeira vez na súa historia o Concello cooperou cun colectivo animalista para impulsar unha campaña que falaba de adopción, esterilización, boas prácticas e convivencia. Estamos a traballar xunto co Goberno sen cortapisasnen atrancos, en poñer as bases dun modelo diferente, porque ao final o que quedará é o sufrimento dos animais mortos de frío, apaleados ou atropelados. Unha imaxe que aspiramos a mudar na Coruña e para iso precísase o apoio de todas e todos.