Episodios da cultura científica

Unha pioneira na incorporación da muller á cultura científica na Coruña

Celia Brañas simboliza o esforzo da xeneración de mulleres que, por fin, puido acceder con certa normalidade á educación

08.11.2015 | 03:12
Homenaxe a Carracido, 1919.

Para Filo R. Caabeiro

Algúns dos asistentes ao banquete ofrecido a Xosé Rodríguez Carracido (1856-1928), catedrático de Química biolóxica e reitor da Universidade de Madrid, aparecen na fotografía de Pedro Ferrer (1870-1939) que acompaña a este episodio, realizada nos xardíns de Méndez Núñez o domingo 31 de agosto de 1919. Entre eles salienta a presenza dunha muller, situada á esquerda de Carracido, o do bigote branco. Celia Brañas.

Dentro do numeroso público masculino, participantes no xantar e curiosos que estarían no lugar da instantánea, observamos unha ampla diversidade canto o protagonismo, xestos e vestimentas (vaia colección de bigotes e chapeus!). Non dispoñemos desa opción no caso das mulleres coruñesas, pois só estaban representadas por Celia, que, cómpre subliñalo, se atopaba alí por méritos propios.

O Congreso de Casás

Carracido chegou á cidade o sábado, no tren rápido de Madrid, e foi recibido na estación coruñesa polas autoridades e numerosos persoeiros locais. Visitou a cidade herculina como delegado do Goberno para o acto de clausura do primer Congreso de Estudios Gallegos organizado polo Instituto de Estudios Gallegos. Precisamente ese Instituto e a Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, o Circo, promoveron a homenaxe e o presidente de ambas as dúas entidades, Manuel Casás Fernández (1867-1960), aparece na fotografía á esquerda da única muller, con paraugas e pano branco no traxe.

Casás foi un personaxe de grande incidencia na vida coruñesa durante décadas. Ocupou a Alcaldía en tres ocasións, nunha conxuntura política na que o Goberno elexía e nomeaba aos rexedores, polo que se lles denominaba Alcaldes de Real Orden. No caso concreto da cidade da Coruña, con maioría de concelleiros republicanos desde 1890, o partido monárquico con poder en Madrid (conservador ou liberal) impoñía o alcalde, contrariando o voto popular. Os críticos con Casás chamábanlle Picorete, porque, segundo eles, posuía un verbo doado e falso.

A secular discriminación da muller no acceso á educación

A presenza dunha soa muller, Celia Brañas, entre os persoeiros locais permite visualizar a secular discriminación de xénero, causada polo enorme peso histórico do machismo e a concepción patriarcal da sociedade.

No camiño da igualdade o acceso das mulleres ao ensino foi un paso relevante. Dos anos noventa do século XIX dispoñemos de datos das primeiras alumnas con salientables resultados académicos no Instituto coruñés de ensino secundario. Na área de Ciencias, rapazas como María Méndez Gil, Inés Hernández San Martín, María de la Luz Rodríguez Salgado, Isabel Martínez Morás e María Agueda García Iribarne. Xa iniciado o século XX, no curso 1903-04 sobresaíu a nosa Celia Brañas en Xeometría, Fisioloxía e Hixiene, Agricultura e Historia Natural (número 1 na materia, con Pedro Barré de la Maza de cuarto) e no 1907-08 Carmen Pérez Gómez en Álxebra e Trigonometría.

Esa incorporación da muller ao mundo educativo foi un elemento clave na posibilidade dunha posterior integración en ámbitos profesionais e científicos, porén debeu superar moitos atrancos. Todas esas alumnas do Instituto coruñés e as do resto dos centros educativos de Secundaria e universidades de España estaban obrigadas a solicitar un permiso ás autoridades para poder realizar os seus estudos. Si, unha conservadora e discriminatoria tradición vixente durante séculos entre as elites dirixentes en España e Galicia limitou o acceso das mulleres ao ensino, á actividade profesional e, por suposto, á ciencia. Unha Real Orde do Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes do 8 de marzo de 1910 eliminou esa obriga, que se viu complementada con outra do mes de setembro permitindo ás mulleres o exercicio da profesión derivada dos estudos efectuados.

Por iso non nos pode sorprender que ata 1913 non houbese mulleres estudando na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, as irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega, e que a primeira en acceder á Facultade de Farmacia, María Eugenía Pereira Rodríguez, o fixera en 1921.

Celia Brañas

O contexto excluínte que vimos de comentar dota de espacial valor á figura pioneira, e case descoñecida, de Celia Brañas, símbolo e representación do esforzo das mulleres da súa xeración por xogar un papel protagonista na sociedade. Coa singular circunstancia de desenvolver a súa actividade profesional nun terreo no que a presenza da muller foi aínda máis escasa, o da cultura científica.

Celia Brañas Fernández naceu na Coruña o 20 de maio de 1880, filla de Consuelo Fernández Miranda, de Betanzos, e do xornalista, escritor e farmacéutico coruñés Gonzalo Brañas y Sánchez Boado, medio irmán de Alfredo Brañas Menéndez, o catedrático da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela que foi sobranceiro representante do rexionalismo conservador galego.

Na Escola Normal da Coruña realizou os estudos para acadar o título de mestra elemental e superior e cursou o Bacharelato no Instituto local. Posteriormente superou na Escola Superior de Comercio a materia de Reconocimientos de productos comerciales y Prácticas de Laboratorio e na Universidade de Santiago de Compostela examinouse das asignaturas de Mineraloxía e Botánica, Zooloxía e Física e Química, ou sexa, do curso preparatorio de Ciencias.

En 1908 iniciou o seu labor docente na Escola Normal coruñesa como profesora auxiliar, substituta da titular de Ciencias. No curso 1909-10 explicou tres materias, Ciencias Físicas e Naturais, Agricultura e Matemáticas, en 1911 aprobou a oposición de profesora numeraria de Ciencias e encargouse da docencia de Física, Química e Historia Natural. Ocupou a dirección da Normal en diversas etapas e xubilouse en 1946. A súa irmá Esperanza tamén exerceu como docente de Ciencias e secretaria na Escola. O irmán, Gonzalo Brañas, foi físico, inventor e catedrático do Instituto coruñés.

A súa visión do ensino das Ciencias estaba en consonancia coa proposta educativa dos movementos de renovación pedagóxica da época, o "ensino activo". Nunha memoria manuscrita, Las Ciencias físicas y naturales en las Normales de Maestras, salientaba o "carácter eminentemente práctico y de aplicación" desas materias, e defendía un ensino no que a teoría fose acompañada "de la demostración experimental". Tamén era partidaria de tomar en consideración o sentido aplicado das Ciencias e por iso propuña levar ao alumnado de visita a fábricas e talleres, onde debería recoller observacións en cadernos para posterior explicación e debate en clase. Nesa liña modernizadora defendeu o "gran valor pedagógico [de] los paseos y excursiones, especialmente para el estudio de la Historia Natural", actividades na natureza que deberían completarse na aula. Fronte a ausencia de recursos nos laboratorios das escolas de Maxisterio propuña a realización de actividades prácticas con obxectos cotiáns e, sobre todo,describía magníficos exemplos de experimentos de Física e de Química que se podían realizar con materiais accesibles e sinxelos.

Celia entendeu que a súa responsabilidade de educadora non se debía restrinxir ao espazo das aulas e desenvolveu un notable labor divulgativo. Así, na Memoria que presentou en 1909 amosouse partidaria de que nas escolas de Maxisterio se impartiran cursos de cultura xeral para mulleres. E desde 1912 foi precursora no labor de extensión universitaria nesas escolas, pronunciando conferencias sobre temas como Electricidad estática, con prácticas, Filosofía de la Historia, Progresos y aplicaciones de la fotografía, e Educación e instrucción de la mujer.

No Congreso de Estudios Gallegos participou como ponente. A profesora de Ciencias falou sobre a Importancia que para la región gallega tendría la creación de una estación de biología marina en La Coruña. Medios prácticos para establecerla, e foi eloxiada polos xornais da época. Esa intervención resultou clave para que no ano seguinte, 1920, Celia solicitara ao Museo Nacional de Ciencias Naturales que organizara na cidade herculina un curso de Bioloxía Mariña, no que interveu, un evento con certa trascendencia, pois estivo relacionado coa posterior creación da Estación desa especialidade en Marín (1932). En 1922, disfrutou dunha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios (JAE) de dous meses para prácticas de Histoloxía nos laboratorios do Instituto de Ciencias Naturais de Madrid.

Unha fenda que non desaparece

Grazas a mulleres como a esquecida Celia Brañas hoxe non sería posible unha fotografía como a que acompaña este artigo. De feito a incorporación das mulleres ao mundo da ciencia ten mudado e mellorado substancialmente, mais aínda hai moito por percorrer cara a igualdade. Constitúen a maioría do alumnado nas carreiras de Ciencias e obteñen os mellores resultados académicos, mais segundo avanzan no mundo profesional investigador xa interveñen mecanismos discriminatorios. O estudo elaborado en 2013 pola Unidad de Mujeres y Ciencia (UMyC) da Secretaría de Estado de I+D+i dinos que mentres no nivel inicial da profesión, doutores con contratos que non son permanentes, existe unha certa paridade entre xéneros, esta diminúe entre o profesorado titular das universidades e persoal permanente dos organismos públicos de investigación. E se pasamos ao cumio do sistema investigador, cátedras, profesorado emérito de universidades (en 2012 nas universidades públicas as mulleres só ocupaban a Reitoria nun 6% doscasos) e profesorado de investigación del Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), as diferencias son moi marcadas e domina a presenza masculina; só un 19,5% deses postos correspondían a mulleres.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Javier de Toro, jefe del servicio de reumatología del Complejo Hospitalario Universitario de A Coruña, responderá a preguntas de los lectores este jueves a las 11.30

 

 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine