Artículo de opinión

A Vedra, a avenida que A Coruña merece

09.11.2015 | 21:06
A Vedra, a avenida que A Coruña merece

A Coruña está de noraboa: a reforma que o Ministerio de Fomento propón para Alfonso Molina é unha oportunidade histórica para decidir entre todos que modelo de cidade e de transporte queremos. Unha decisión que debemos tomar con visión de futuro. Non podemos desperdiciar a ocasión de transformar unha autovía de alta velocidade nunha verdadeira avenida, un gran paseo urbano que teña en conta criterios ambientais e nos equipare a outras cidades europeas. Temos á man bos exemplos nos que fixarnos. Imposible non evocar os marabillosos bulevares arborados que un día foron a desembocadura dun acceso á cidade e hoxe son xa elementos imprescindibles da vida diaria da xente. A Diagonal de Barcelona ou o Paseo da Castellana en Madrid son dúas mostras; dous casos que souberon combinar os distintos aspectos que un proxecto integral de mobilidade urbana sostible require: as sendas peonís, a transición co edificado nas súas marxes, os necesarios carrís ciclistas, a prioridade do transporte público ou a selección das especies vexetais que amortigüen os efectos da contaminación acústica e as emisións de dióxido de carbono (CO2).

Alfonso Molina xa non é o que era. O crecemento urbano das últimas décadas expandiu a cidade central en todas as direccións, tamén no ámbito máis próximo ao vial. O mar que rodea a península da Coruña e a accidentada topografía da vertente oeste forzaron a dirección do crecemento residencial cara ao lado sur da cidade, convertendo a contorna de Alfonso Molina na máis idónea para os desenvolvementos urbanos de finais do século XX. Novos barrios que medran a ambos os dous lados da infraestrutura viaria máis importante de entrada e saída a unha cidade cuxa mobilidade, moi condicionada pola nosa especial configuración xeográfica, foi sempre un reto mal resolto.

As diferentes fases de Elviña, Matogrande, O Birloque, o barrio das Flores ou o lugar de Elviña, ademais das áreas residenciais en desenvolvemento, como o Ofimático e Someso, son barrios da cidade inxustamente desconectados entre si por unha vía de alta capacidade. Alfonso Molina supón unha ferida que incomunica dúas beiras dunha mesma cidade nun entorno no que habitan máis de 20.000 persoas e onde se sitúan numerosos equipamentos, moitos deles educativos. Unha situación non planificada que merece dunha reflexión na que conceptos como sustentabilidade, salubridade e ecoloxía urbana sexan incorporados dunha vez por todas ao debate da construción da cidade.

É precisamente na liña desta reflexión onde se sitúan os últimos proxectos de infraestruturas a escala metropolitana. A entrada en servizo da terceira rolda supuxo, segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico, unha redución sensible de fluxo en Alfonso Molina, cunha baixada da intensidade media diaria da circulación que aumenta día a día, e seguirá a aumentar coa apertura nos próximos anos do vial 18, que conectará a saída da autoestrada AP-9 directamente coa terceira rolda, e a entrada en servizo da estación intermodal, que impulsará o uso do transporte público urbano e metropolitano. Realidades que deben ser entendidas como un momento de oportunidade histórica de transformación da mobilidade urbana e, por conseguinte, da vida cotiá da xente.

O proxecto que o Ministerio de Fomento prevé para Alfonso Molina consolida o aspecto menos desexable da configuración actual da avenida: falamos dunha autoestrada que penetra no corazón da cidade, con elevados niveis de contaminación acústica, como apuntan as consideracións do PXOM, que a ubican como a zona cos índices máis altos da área metropolitana, ademais de achegar á atmosfera niveles de CO2 inaceptables para os estandares europeos de saúde. Máis alá dos criterios ambientais, non son menos importantes os argumentos de seguridade vial: dous accidentes con feridos son computados cada mes nesta entrada da cidade; un parámetro que empeoraría de seguro no caso de consolidar o vial como infraestrutura de alta capacidade.

Estamos a favor da ampliación de Alfonso Molina, pero co fin de mellorar a súa calidade urbana e non para aumentar a superficie de asfalto nin a velocidade e a cantidade dos vehículos, o que consolidaría un acceso á cidade por medio dunha autoestrada, sen semáforos ata Fernández Latorre. Con todo, a proposta municipal integra as melloras de mobilidade rodada que propón o proxecto de Fomento, e que consideramos razonables, concretamente no nó de saída da AP-9 e a súa conexión co vial e o carril de servizo de subida dende A Pasaxe que axudarán a reducir os cruzamentos de carrís e facilitarán a fluidez do tráfico.

Favorecer un mellor aproveitamento das redes de infraestruturas da cidade, conciliando o uso do automóbil privado co benestar das persoas, non só é posible senón tamén necesario. Aproveitar a oportunidade que nos ofrece a reforma de Alfonso Molina para dotarnos da avenida que A Coruña merece, a avenida da Vedra, é o reto que todas e todos temos por diante.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine