Lavedra é esa avenida cuxa ampliación volve á casa sempre por Nadal, como o turrón. Refírome, como moita xente entenderá, a que se trata dun proxecto que rexorde cada vez que estamos próximas a unha convocatoria electoral.

Debemos preguntarnos ademais a quen beneficia esta ampliación. Sabémolo porque sabemos tamén quen pagaría esa obra: Audasa. Sabemos que Audasa é unha empresa con fins lucrativos que non financiaría unha obra de dez millóns de euros se non fose ser beneficiosa para ela, e o seu peto, xa que tamén sabemos que lle interesan pouco as necesidades das persoas que vivimos na Coruña. Pois, alén de sabermos que foi vendida a un fondo malaisio, onte mesmo puidemos coñecer a través deste xornal que ten para nós un "agasallo sorpresa" logo de ampliar a "avenida Alfonso Molina": aumentarnos o prezo da peaxe.

Obviamente, Audasa ten estas pretensións porque o Ministerio de Fomento, en mans do PP, quere servírllelas en bandexa mais o que temos enriba da mesa é moito máis que unha simple obra.

Por unha vez, afrontemos un debate aberto e amplo sobre se queremos a ampliación ou non de carrís para circulación de coches mais tamén sobre que tipo de mobilidade queremos para a nosa cidade e a nosa comarca.

As que algunha vez collemos o coche e pasamos por Lavedra comprobamos que hai un problema de embotellamentos a determinadas horas do día. A solución podería ser ampliar carrís mais a pregunta que debemos facernos é se iso desatascaría a vía ou se atraería máis coches. A resposta atopámola en moitos estudos de mobilidade que indican que este tipo de ampliacións producen un "efecto chamada".

E tamén teremos que preguntarnos se queremos que sigan entrando máis coches na cidade ou non. Se entran máis coches na cidade, ou os mesmos, o problema do aparcamento empeorará ou persistirá. Se entran máis coches ou os mesmos na cidade, a contaminación acústica e ambiental será maior ou igual. Se entran máis coches ou os mesmos, o tapón ao chegarmos ao centro da cidade será maior ou igual.

Como creo que tanto o problema de aparcamento, o da contaminación acústica e ambiental e o dos atascos na Coruña é algo que nos preocupa ou debería preocuparnos a todas e a todos, a solución que teremos que procurar é aquela que evite que teñan que entrar tantos vehículos.

Para nós, para o BNG, o debate sobre a ampliación de Lavedra é inseparábel do debate sobre o tipo de mobilidade polo que queremos apostar e sobre a necesidade de contarmos cun transporte comarcal axeitado.

Se tivermos un tren de proximidade -e mesmo un tren até Ferrol- con frecuencias e velocidade axeitadas, como o que existe noutras áreas do Estado con dimensións semellantes á da comarca da Coruña, tería que vir tanta xente no coche á cidade?

Se tivermos un mellor transporte por autobús que conectase os diferentes núcleos dos municipios da comarca con frecuencias abondo, entrarían tantos coches na cidade?

Se puidésemos habilitar mesmo medios de transporte marítimo para conectar os concellos da comarca, teríamos tantos coches entrando na cidade todos os días?

Se tivésemos tamén un transporte urbano áxil, asequíbel, cunhas liñas que conecten axeitadamente os barrios, seguramente as persoas que viven nos barrios próximos a Lavedra, e aquelas que habitan aínda os lugares que existían antes que a "avenida Alfonso Molina", non collerían o coche para chegar a outros lugares da nosa cidade.

Todas debiamos concordar con que Lavedra ten que deixar de ser unha autopista que chega ao centro para pasar a ser unha avenida máis da Coruña que integre aos barrios do seu redor, mais non debatamos só sobre urbanismo, sobre humanización ou non, senón sobre se queremos un modelo de mobilidade unicamente baseado no automóbil privado, ou un modelo baseado no transporte colectivo, a pé ou en bicicleta.

Aproveitemos esta oportunidade, porque non imos ter outra destas dimensións, para incidir en que o modelo de cidade e de comarca para o futuro sexa propio do século XXI.