TTIP son as siglas inglesas do Tratado de Comercio e Investimentos Transatlánticos. É o proxecto de creación dunha área de libre comercio que se está a negociar entre a Comisión Europea e o Departamento de Comercio de EE.UU. Todo isto estase facendo de costas á cidadanía e mesmo aos parlamentarios europeos, aos que só se lles permite consultar o acordo parcialmente, en salas pechadas e con enormes restricións.

Alcumado cabalo de Troia das multinacionais, oculta baixo promesas de progreso unha ameaza ao benestar dos cidadáns e á soberanía dos países. Entre as súas propostas destaca a creación dun tribunal supraestatal de arbitraxe, que terá a potestade de impoñer aos estados indemnizacións para resarcir ás multinacionais no caso de que os seus intereses económicos entraren en conflito coas súas lexislacións.

Esta perda de soberanía nacional afectará, entre outros ámbitos, ao estatuto dos traballadores. EEUU non ratificou seis dos oito principais Convenios Internacionais do Traballo, indicio de que os múltiples dereitos acadados tras décadas de avances sociais poden non ser recoñecidos por unha empresa multinacional, con liberdade para aplicar a lexislación á carta. O mesmo pode ocorrer con respecto ás estritas regulacións da UE sobre seguridade alimentaria e medioambiental.

No Congreso non prosperou unha iniciativa de referendo sobre o TTIP. Un dos partidos que se opuxo foi o PSOE, que vén de votar no PE a favor da resolución sobre o tratado transatlántico, asunto que non tivo tan claro o resto do grupo socialdemócrata europeo. O PSOE parece ter problemas á hora de definir unha postura clara a este respecto, así hai uns días o seu grupo municipal en Sevilla apoiou a declaración desta cidade como contraria ao TTIP. Non tivemos a mesma sorte na Coruña onde, no último pleno municipal, os socialistas votaron, xunto co PP, en contra dunha moción similar.

O TTIP ataca os principios básicos dunha economía posta ao servizo da xente. Antepón os intereses das grandes empresas aos das persoas, e fai primar as lóxicas neoliberais ás da economía local e do ben común.

É preciso un rexeitamento enérxico por parte da cidadanía a este ataque aos nosos dereitos. A chave: a visibilidade. Como ben dixo Susan George, canto máis exposto estea todo este proceso á luz pública, mais se debilitará.