Para Javier Dosil

Camiñando pola zona da praia de Oza cara ao interior da ría coruñesa cheguei ata o local da Sociedad Deportiva As Xubias, un histórico club dedicado ao fomento do remo e o piragüismo. A continuación está un amplo solar no que abondan eses plumachos da Pampa (Cortaderia selloana) que constitúen unha auténtica praga na comarca. O espazo chan e vacío remata nunha parede de roca, está próximo ao Hospital de Oza e chega ata o mar, onde observei restos dun pequeno porto, único elemento conservado da construción que nun tempo ocupou o lugar.

Durante décadas ese terreo estivo ocupado por Explotación de algas SA (EASA), cunha fábrica que transformaba eses seres naturais en diversos produtos, especialmente iodo. Esa empresa foi toda unha referencia en España na industrialización de algas e rematou a súa actividade polos anos sesenta do pasado século; un devalar que coincidiu co do núcleo urbano que a acollía.

As Xubias, "quen te viu e quen te ve"

A presenza da fábrica de algas permanece na memoria dos veciños das Xubias dunha certa idade. Obdulia, de 88 anos, traballou nela e lembra ao último xerente, Fernando, un belga con casa nas inmediacións do Hospital de Oza. Faloume con nostalxia, fronte da súa casa das Xubias de Abaixo, da actividade da vizosa fábrica e dos tempos nos que As Xubias era un lugar de maior puxanza, un cambio que resumiu así: "Quen te viu e quen te ve".

Na actualidade o nome deste enclave coruñés, do Concello de Oza ata 1912, está en grande medida asociado ao hospital público veciño (o actual Chuac) ou mesmo como lugar de acceso a Servisa e o Hospital de Oza, e antes ao estaleiro Valiña. Porén ata mediados do século pasado As Xubias estaba parcialmente atravesada pola estrada de entrada na Coruña, única antes da construción da avenida de Lavedra, e mantiña unha grande relación co resto da cidade.

Por outra banda, o lugar era un punto estratéxico na comunicación con Perillo, no Concello de Oleiros. Antes e despois da construción da ponte da Pasaxe a lancha que unía As Xubias con Santa Cristina era unha ruta de moito uso, favorecendo estreitos lazos persoais e familiares entre os habitantes residentes en ambas bandas da entrada da ría. Hoxe, a pesar da contorna privilexiada que posúe, cun litoral magnífico, a decadencia das Xubias é evidente e o seu illamento favorece que resulte un territorio bastante descoñecido para moitos veciños da cidade.

Algas e industria no inicio do século XX

As algas son seres vivos de vida acuática, Protistas fotosintéticas, e as mariñas que inzan as nosas costas foron obxecto de aproveitamento secular como abono orgánico das leiras. Mais nos inicios do século XX algúns especialistas fixeron chamamentos para a súa utilización industrial, como acontecía noutros países europeos.

O valedor en Galicia desa posición foi Isidro Parga Pondal (1900-1986), científico que salientou polo seu interese en aplicar os resultados da ciencia á industria. Este químico e xeólogo ingresou no Seminario de Estudos Galegos cun discurso, El contenido en yodo de las principales algas marinas de Galicia (1927), un valioso traballo de Xeoquímica no que Parga se manifestou a prol de establecer nas nosas costas industrias para a extracción do iodo.

A fábrica de Oza

Explotación de algas SA (EASA), con enderezo no número 3 das Xubias de Arriba, iniciou a súa actividade en febreiro de 1935, a partir doutra empresa localizada no mesmo lugar, Sociedad Española del Yodo SA (Seysa), operativa desde agosto de 1932.

O cambio empresarial situou como xerente a Ramón Mohíno Valderrama, que permaneceu no seu cargo ata 1952, e á fronte do Consello de Administración a Manuel Boedo. EASA pasou por distintas etapas, iniciou o labor con dificultades pola baixa do prezo do iodo, despois afrontou a Guerra Civil, que interferiu na produción e no accionariado. Nesa coxuntura as autoridades franquistas obrigaron a localizar unha industria de orixe madrileña, PHAR, fundada en 1933 por Pedro Marfany Vilarassau e Ramón Labiaga, nas instalacións de EASA como xeito de solucionar os problemas das dúas empresas.

Marfany, farmacéutico con formación en Química industrial, pasou a ser secretario técnico e conselleiro da entidade, e reformou métodos e instalacións. En 1938 estaba suprimida a importación de iodo en España, polo que EASA dispuxo dun mercado en exclusiva, o que levou a implementar ata tres quendas diarias de traballo e á militarización da empresa. No equipo técnico, ademais de Mohíno e Marfany tamén figurou o farmacéutico asturiano Fernando Suárez Fernández. A eses especialistas engadiríase a colaboración de Isidro Parga, amigo de Marfany.

En 1940 PHAR, que xa tiña a maior parte das accións de EASA, fusionouse con Laboratorios Llopis, formando Llofar. Coa fin de guerra tivo lugar un plan de renovación industrial de EASA e unha maior diversificación da súa produción, fomentando a de ácido alxínico e agar-agar. A instalación pasou a estar formada por un local para oficinas, unha torre de depósito e produción de carbonato cálcico e un novo edificio para extracción de iodo e alxinatos das cinzas, en base á lixivación, concentración e centrifugación destas. En 1952 foi preciso ampliar o capital e a empresa resultou adquirida por unha belga, que, 16 anos despois fusionouse cunha española, Hispanagar SA.

As algas eran recolectadas en cantidades importantes por toda a costa, así, por exemplo, en 1939 foron recollidas 12.000 toneladas de plantas frescas. As especies correspondían, basicamente, a distintas variedades de laminarias, algas pardas grandes (Phaeophyceae) que habitan a zona infralitoral (nomeadamente Laminaria ochroleuca, Laminaria hyperboa e Laminaria saccharina). Servían para extraer iodo, un elemento esencial para os seres vivos, que no caso humano está presente na hormona tiroxina fabricada pola glándula tiroides. Tamén se extraían ficocoloides, polisacáridos formadores de xeles, como o agar-agar procedente dunha Rodophyta, a alga vermella Gelidium sesquipedale, unha mestura de polisacáridos que forma un xel de interesantes propiedades, usado para cultivos bacterianos, como aditivo en industria alimentaria, na industria farmacéutica e en odontoloxía.

O aproveitamento das algas na actualidade

O solar vacío de Oza permanece hoxe como testemuño do pasado e do abandono dun espazo urbano. Canto a explotación das algas en Galicia, esta variou substancialmente nas últimas décadas. As empresas prefiren recorrer, polo seu escaso custe, a materias primas procedentes de países en vías de desenvolvemento. Ceamsa, en Porriño, das empresas máis importantes no mundo na produción do ficocoloide carraxenina, traballa con materias primas do sudoeste asiático.

Hoxe en día a intervención prioritaria sobre as algas autóctonas pasa pola súa transformación cara obter o máximo valor engadido. O sector que en Galicia está en notable desenvolvemento é o das algas alimentarias, de feito somos lideres a nivel estatal e a empresa conserveira Porto-Muiños SL, afincada agora no polígono industrial de Cerceda, é a máis innovadora e punteira do sector. En Betanzos opera a Comercial Galaica de Plantas Medicinales, que recolle algas, en especial fucáceas, para a elaboración de produtos naturais que se venden en herbolarios e parafarmacias.

Cada día se presta maior atención aos servizos ambientais aos que os cultivos de algas poden contribuír, como bos produtores primarios que son. En Galicia estamos a xerar algas mediante cultivo en mar e en terra, e Javier Cremades, profesor da Universidade da Coruña e experto na materia, coida que teñen un grande futuro como piar fundamental, fornecendo de alimento nas novidosas técnicas de acuicultura multitrófica integrada (AMTI), que van a permitir que a actividade acuícola se diversifique e sexa ambientalmente máis sustentable.