Julio Abalde é catedrático de Microbioloxía da Universidade da Coruña, da que forma parte dende 1991. Á marxe da súa actividade profesional como docente, desenvolveu un intenso labor social, xa que foi directivo da Federación de Asociacións de Nais e Pais da Coruña, membro da Executiva da Agrupación Socialista Coruña e da Federación de Ensino do sindicato UGT. No terreo universitario foi membro do grupo Nova Luce, que dirixe a reitoría dende hai doce anos, dende a súa creación.

Deixou a docencia durante un tempo para poñerse á fronte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, tralo que voltou á institución académica, aínda que para formar parte da reitoría presidida por Xosé Luís Armesto, na que nos últimos catro anos foi o vicerreitor de Titulacións, Calidade e Novas Tecnoloxías. É un firme defensor do ensino como servizo público, o que puxo de manifesto de xeito continuo durante a campaña para as eleccións á reitoría.