-Como interpreta que nas eleccións o seu rival gañara entre docentes e vostede entre os estudantes e o resto do persoal?

-Non é tan infrecuente, xa que o reitor da Universidade de Santiago tivo ese mesmo resultado. A diferenza nos dous sectores dos profesores é mínima porque son só 20 votos e houbo máis de 40 votos en branco nun deles e máis de 30 noutro. Pode considerarse que houbo un empate técnico nestes sectores, pero como a diferenza no persoal de administración e servizos e nos estudantes é tan pronunciada, é máis chamativo. A diferenza de máis de 600 votos ponderados entre as dúas candidaturas, que é dun 10%, fala ás claras de que houbo unha distancia ampla entre elas.

-Pode ser un problema que haxa unha división tan clara entre os profesores?

-En absoluto. As divisións son simplemente no momento de votar. Neste momento todos somos universitarios e non temos en conta quen votou a unha ou a outra candidatura, xa que imos traballar para todos. Presentámonos co lema A Universidade de todos, a Universidade de todas e manterémolo.

-O voto dos alumnos foi moi relevante e ademais decisivo.

-Vén demostrar que non é certa esa idea do pasotismo dos estudantes, xa que a participación triplica a normal nas universidades españolas. Cando se lles dá aos estudantes un proxecto claro, ilusionante, que define unha Universidade determinada, eles elíxeno. Nós presentamos un proxecto claro de Universidade pública, comprometida, de calidade e galega, e iso foi o que convenceu ao estudantado a participar, e votando á nosa candidatura.

-Que pasa na Coruña para que a participación dos alumnos sexa sempre alta?

-Supoño que a relación do equipo de goberno co estudantado facilita a participación. Nós queremos pensar que é iso e é o que queremos impulsar aínda máis cos diferentes sectores. Pero tamén gustaríame recordar que no persoal de administración e servizos tivemos cen votos de diferenza coa outra candidatura, polo que non se pode focalizar tanto a vitoria nos estudantes. O que si é remarcable é que case o 27% do estudantado participase, xa que hai centros nos que máis da metade dos alumnos participou, o que desmente que o sistema de votación electrónica ía desincentivar a participación dos estudantes. O que non incentiva é a presentación dun proxecto opaco ou non se ten en conta aos estudantes e non se lles dan vías de participación.

-Tras coñecer o resultado das eleccións o pasado xoves dixo que era o triunfo dun modelo público de Universidade. Cre que está en risco?

-Non, pero empezan a xurdir cuestións relacionadas con que a Universidade ten que estar ao servizo do mercado ou supeditada ás relacións coas empresas. Incluso fálase de que hai que ir a un sistema de gobernanza que non sexa tan asembleario, participativo e democrático. A nós ese modelo non nos gusta, xa que cremos que a Universidade ten que ser pública, cun financiamento público suficiente e cunha autonomía que lle permita decidir o que ten que facer e establecer pontes con institucións públicas e privadas. Pero non focalizar a relación coa sociedade nun aspecto mercantilista a través de contratos e convenios de investigación.

-Á Universidade da Coruña se lle reprocha que non consiga acordos con empresas.

-É unha imaxe que algúns queren fomentar. Nós mantemos esas relacións, pero quizais non as publicitamos ou non somos quen de explicalas adecuadamente, aínda que nas últimas semanas establecemos acordos co Concello e a Deputación para poñer en marcha unha residencia e creamos unha fundación para desenvolver as tecnoloxías da comunicación coas empresas do sector e unha relación co Sergas para crear o Instituto de Investigación Biomérica. Pode ser que non esteamos todo o día falando disto, pero preferimos traballar e sacar adiante os proxectos.

-Vai reforzar a súa vitoria a negociación coa Xunta sobre o financiamento dos próximos anos?

-Supoño que nos reforzará, pero nos últimos catro anos fixemos as reivindicacións que correspondían diante da Xunta e cremos que no plan de financiamento que se aprobou hai unhas semanas están recollidas moitas das nosas propostas.

-É optimista sobre a posibilidade de que a Xunta inclúa finalmente todas as reclamacións coruñesas sobre este plan?

-Temos que ver como se plasma o plan que se deu a coñecer, no que se dixo que haberá unha negociación sobre os indicadores para ver como os adaptamos. Pediremos que iso se leve a cabo e mentres tanto traballaremos co reparto orzamentario da parte estrutural.

-Cando abrirá a residencia no colexio Calvo Sotelo?

-Gustaríame que estivera para o vindeiro curso, pero as obras están en licitación pola Deputación e haberá que esperar a que rematen.

-Vai ser a única iniciativa de aloxamento público?

-O acordo coa Deputación é para dez anos, o que nos dá un pouco de marxe, pero non renunciamos á posibilidade dunha residencia que estea nos terreos para os que estaba proxectada no campus de Elviña.