Episodios da cultura científica

"Coruña 2020", unha utopía entrañable?

A emigración do talento científico, un despilfarro que abre moitas interrogantes - Nove galegos mostran o potencial investigador que só atopa futuro no exterior

20.12.2015 | 12:56

Luis Priegue chega a Coruña hoxe, domingo 20, co tempo xusto para ir votar. Traballa no Hydro-environmental Research Centre da Universidade de Cardiff (Gales, Reino Unido), onde realiza un doutoramento en enerxías renovables mariñas, despois do paso polo instituto de Monelos e Enxeñaría de Camiños na Universidade da Coruña (UDC).

César de la Fuente reside desde hai unhas semanas en Boston (Estados Unidos), onde este coruñés que estudou no instituto Eusebio da Guarda investiga sobre unha nova clase de antibióticos e traballa como investigador posdoutoral no prestixioso Massachusetts Institute of Technology (MIT). En Dresden, Alemaña, vive Karina Pombo, unha carballesa que despois de realizar a Secundaria no instituto Isidro Parga e licenciarse en Farmacia na Universidade de Santiago desenvolve a súa tese de doutoramento no Instituto de Investigación de Radiofarmacia e Cancro no Helmholtz Zentrum Rossendorf.

O lucense Jesús Horacio García recibiu, a fins do pasado outubro, a feliz nova de que a Asociación de Geógrafos Españoles lle concedeu á súa tese de doutoramento o premio ao mellor no ámbito estatal. Despois de pasar polo instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes licenciouse e doutorouse na Universidade de Santiago, mais a principios deste ano 2015 tivo que facer as maletas e atravesar o charco para traballar na Universidade de Concepción (Chile) na área de Xeografía Física.

Lara Villarino chegou onte de vacacións e así tamén aproveitará para votar. É de Viveiro, estudou no instituto Vilar Ponte da súa vila e licenciouse en Química na Universidade de Santiago, onde fixo a memoria de doutoramento. Agora traballa no Stratingh Institute for Chemistry (Universidade de Groningen, Holanda) grazas a unha bolsa da Xunta que incluirá un ano de contrato na Universidade de Santiago pero que remata en abril de 2018. David Rodríguez, de As Pontes, fixo Secundaria no Colexio Nebrija-Pardo Bazán, licenciouse en Bioquímica en Madrid e doutorouse en Medicina Molecular en Santiago. Desde hai uns tres anos reside en Suecia, traballando como investigador posdoutoral no Departamento de Biofísica e Bioquímica da Universidade de Estocolmo.

José Antonio Seoane reside en Palo Alto (California). Este ferrolán, que fixo os seus estudos secundarios no instituto Concepción Arenal. é enxeñeiro informático pola Universidade da Coruña, na que se doutorou en 2012. Actualmente figura como posdoutorado na Universidade de Stanford, unha das mellores do mundo. De Ferrol tamén é Amable Rivas, investigador posdoutoral en Alemaña, onde leva ano e medio no Instituto para a Medicina, Microbioloxía e Hixiene da Universidade de Mainz. E, por último, Sara Vicente, de Boiro, que estudou no instituto de Secundaria Espiñeira e se licenciou e doutorou en Farmacia na Universidade de Santiago, traballa como investigadora en Sanofi (París, Francia) cun contrato posdoutoral Marie Curie asociado ao proxecto europeo Nanodrug.

Unha mostra de talento científico no estranxeiro

Luis, César, Karina, Horacio, David, Lara, José Antonio, Amable e Sara cumpriron dabondo con todas as expectativas que a nosa sociedade podería demandar deles como estudantes e constitúen unha mostra de talento científico galego que atoparon o seu futuro noutros países, en institucións onde os graduados do ensino público galego reciben o recoñecemento merecido.En palabras de Horacio: "o que se está a producir é unha fuga masiva de novos investigadores que buscan onde desenvolver a súa profesión".

As súas razón para saír ao exterior foron variadas, se ben, en xeral obedeceu a un desexo de futuro profesional digno. En maior ou menor medida todos aceptaron a marcha e entenden como positiva a actividade laboral en institucións foráneas. O problema xurde cando o que sempre se concibiu e practicou como unha estadía de curta duración pasa, polas circunstancias actuais, a alongarse obrigatoriamente no tempo e, sobre todo, cando se consideran as dificultades para o retorno. Neste punto as dúbidas, incertezas e angueiras son moitas. Algúns emprazan a solución a un futuro mellor, mais outros viven como inviable a volta, polo que, neses casos, séntense como "exiliados científicos". Mesmo hai casos como o de Lara, que ten decidido que se non acada traballo en Galicia non volverá ao estranxeiro. "Moi ao meu pesar, deixaría a investigación", afirma.

As cifras da fuga de traballadores do I+D+i

Estes investigadores novos poñen rostro e identidade a unha lista que é moi longa, e que visualiza a perda continua que sufre Galicia, o despilfarro de valiosos recursos humanos formados para desenvolver os nosos sectores económicos estratéxicos. Entre 2010 e 2015 perdemos 1500 empregados no sector da investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i). Nese período, en España a diminución foi duns 12.500 investigadores e de feito a crise agravou a distancia entre Galicia e resto das comunidades do Estado, a perda de persoal aquí foi do 14% e no conxunto estatal do 9%. Son precisamente algúns deses expulsados do sistema, e outros formados nestes cinco anos e sen opción de entrada nel, os que integran a parte substancial do continxente de investigadores que buscan fóra o seu futuro.

A problemática volta

En xeral os nosos científicos no exterior queren volver a traballar a Galicia, uns canto antes, outros a medio prazo. Mais todos insisten nas condicións que farían aceptable o retorno ao sistema científico, coincidindo na necesidade dunha estabilidade laboral e coa desconfianza de observar o acontecido con colegas que retornaron e que tiveron que volver marchar. Esa incerteza contrasta coa situación que viven no estranxeiro, onde se senten valorados e dispoñen de medios axeitados para desenvolver o seu traballo.

Investir en I+D+i

A necesidade de máis recursos para a investigación é un punto de coincidencia entre os nosos interlocutores. Así, para Luis, a clave para traer de volta aos investigadores no estranxeiro reside no investimento en novos proxectos que dean credibilidade á investigación e nos acheguen a outros países de Europa. Niso insiste Horacio, quen sinala que "cómpre apostar, como fan os países máis desenvolvidos, polo I+D+i", cuestión que tamén subliña Amable.

Planificación e cambio de mentalidade

Mais as propostas inciden noutros elementos e non só nos estritamente económicos. Os nosos investigadores demandan un sistema científico público estable e ben estruturado, con planificación a longo prazo. Nese sentido, David coida que "sería importante que as institucións valoren a posibilidade de desenvolver un tecido científico equilibrado, non só atraer a grandes proxectos e nomes (que tamén é necesario)". Para a súa volta, César de la Fuente di que precisaría "un proxecto ambicioso e unha rede científica robusta".

Tamén fan fincapé na necesidade dunha nova mentalidade da sociedade e dos políticos sobre o valor do I+D+i, que a investigación non se vexa coma un gasto senón como un investimento. Nese sentido, José Antonio afirma: "Volvería se houbese por parte dos gobernos unha vontade real a prol da ciencia". Si, consideran necesario un compromiso social no que se aposte pola ciencia como un dos motores da economía do futuro, para ser competitivos internacionalmente. Para Karina, "a sociedade española necesita un cambio de fondo para que os científicos xoguemos o rol que teñen noutros países" e Horacio reflexiona: "Existe unha fenda na relación entre a ciencia e a sociedade, é primordial que camiñen xuntas".

Algúns inciden na importancia de mellorar a transferencia entre os centros de investigación e as empresas. Un punto no que hai moito por percorrer e diversas preguntas que respostar. Por exemplo: cal é demanda de doutores desde as nosas empresas en relación ás doutros países?, como se financian os doutorados e posdoutorados (algo que en países como o Reino Unido corre, en ocasións, ata nun 50% a cargo das empresas)?, como evitar que algunhas empresas utilicen os seus departamentos de I+D+i como xeito espurio de acceder a subvencións? E do estranxeiro podemos imitar certos comportamentos. Tanto en Reino Unido como en Estados Unidos non é raro que parte notable dos orzamentos das universidades e centros de investigación proceda de doazóns, mentres que en España e Galicia hai contadas institucións que fagan o mesmo. As entidades financeiras e as grandes fortunas deben implicarse máis coa ciencia.

Que papel lle corresponde ás universidades?

Nas demandas dos investigadores que traballan no exterior tamén está presente a petición de cambios nas universidades galegas. Sara coida que habería que "renovar moito o sistema universitario, que quedou bastante obsoleto, sobre todo se o comparamos con outros sistemas europeos. Habería que facelo máis dinámico, avaliar e ser rigorosos coa actividade realizada polos investigadores e docentes e fomentar a excelencia investigadora, atraendo a xente ben formada capaz de captar proxectos de calidade e facilitando a súa actividade". Nesa liña, Horacio afirma que "é preciso apostar pola calidade e a transparencia, pola xente emprendedora e con vontade de facer ciencia, e non pola endogamia e o nepotismo". E insiste nun punto clave: "É fundamental dar continuidade laboral aos novos doutores. Non ten sentido que tras varios anos de investigación e acadar o grao de doutor non haxa futuro", pois entende que iso é "tirar os cartos por non existir unha aplicación prevista".

Obviamente, as universidades galegas non son responsables da fuga de cerebros e centran os esforzos en desenvolver o seu labor sometidas a recortes continuos. Mais tampouco poden evadirse do tema co doado recurso de que é unha cuestión allea, determinada polo mercado. Non é aceptable que o sistema universitario galego xere novos doutores sen a máis mínima perspectiva de destino profesional. Tamén é significativo que en España sexa moi infrecuente a figura básica do investigador posdoutoral (postdoc), que constitúe precisamente o nexo entre a fase de formación investigadora e a integración na academia/industria. Resulta inaceptable, asemade, que numerosos doutorandos e investigadores non perciban remuneración algunha porque, supostamente, están a formarse, o que supón aproveitarse da critica situación laboral do momento, degradando o traballo investigador. Por outra banda, as universidades galegas aproveitan dalgún xeito a importante rede de científicos, antigos alumnos seus, espallados polo mundo?

Uns exportamos talento, outros impórtano

Este mes déronse a coñecer as Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), as bolsas europeas para novos investigadores máis prestixiosas. Das 291, España recibiu doce (Galicia, e non é pouco mérito nas actuais condicións, unha) e, por exemplo, Reino Unido, 48. Poderíamos pensar que se trata dunha auténtica goleada a favor do talento dos british, mais se ollamos a nacionalidade dos investigadores, só 22 británicos foron galardoados e no caso español 17, iso si, cinco deles traballando en institucións estranxeiras, polo que o resultado é moito máis parello, 22 fronte 17. A clave reside en que mentres nos países con boas perspectivas económicas, por exemplo o Reino Unido, importan talento científico, noutros, como España, expórtase, co que os millóns de euros correspondentes a algunhas desas bolsas contribuirán a universidades e tecidos produtivos de fóra.

Que alternativas ofrece a Administración?

Fronte a masiva saída de científicos novos cara o exterior a reacción da Administración, estatal e autonómica, consistiu en negala ou distorsionala e nunca cuantificou o valor económico da perda. A directora Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Sonia Martínez Arca, falou na V Reunión Gallega de Jóvenes Investigadores en el Extranjero (A Coruña, decembro de 2014) dunha situación "razoablemente optimista, ou esperanzadora". O director da Axencia Galega de Innovación da Xunta, Manuel Varela Rey, foi máis alá. Cualificou a saída ao estranxeiro de "rotación do talento" (sic), un eufemismo que usan as autoridades para minimizar de cara aos medios a sangría de investigadores novos.

Varela presentou como alternativa o programa Oportunius, unha proposta que, segundo os seus promotores, suporá para Galicia 24 contratos de investigadores de referencia ata o 2020, en base, sobre todo, aos especialistas que acaden as ERC. Mais se seguimos a un por ano, non se chegará nin aos 24 que indica a Axencia cara o 2020 e, sobre todo, presentar como opción para volver a Galicia a obtención dunha ERC é xogar coas esperanzas dos nosos investigadores no exterior e pospoñer calquera alternativa seria de recuperación.

A exportación de talento que realizan España e Galicia, como Italia ou Grecia, visualiza unha estratexia terceiromundista e sen futuro. Mesmo dentro do Estado español outras comunidades optan por modelos diferentes; en Euskadi o investimento en I+D+i é o 2,3 % do PIB, moi lonxe do 0,87% galego. Nestas circunstancias, aspiramos a algo máis que a seguir a xogar na parte baixa da segunda división da ciencia europea?

Coruña 2020?

Luis Priegue ofrece a que pode ser unha síntese do fenómeno que tratamos neste episodio: "Na Escola de Camiños (UDC) eramos un grupo de amigos moi traballadores e con excelentes perspectivas para a vida profesional. Deste grupo, un 80% estamos a vivir no estranxeiro (non todos como investigadores, tamén enxeñeiros en compañías privadas), en Alemaña, Francia e Reino Unido principalmente, outros en lugares coma Bélxica, Qatar, Polonia ou Perú. Tamén teño compañeiros que marcharon de Galicia para vivir en Madrid ou en Barcelona". E remata cun comentario que conmove polo que ten de desexo nobre e de inxenuidade: "Entre nós temos unha medio broma e medio esperanza de volver. Chamámoslle Coruña 2020. Sabemos que estará complicado, pero imos intentalo". Eu engado unha pregunta retórica: Podemos permitirnos ese despilfarro de talento?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine