Antón Gómez-Reino Deputado electo por En Marea

"O debate non vai de aritmética senón de asumir a demanda de cambio da sociedade"

27.12.2015 | 00:32
Antón Gómez-Reino.

Di Antón Gómez-Reino, que tomou a decisión de ir máis alá do activismo e meterse en política como "un paso lóxico", como unha maneira de levar un pouco máis alá o seu compromiso de defender o ben común. O pasado 20 de decembro, as urnas déronlle a Gómez-Reino a posibilidade de ser un dos representantes da provincia da Coruña no Congreso dos Deputados.

Era o cabeza de lista dunha candidatura de confluencia de forzas que se presentaba por vez primeira ás eleccións xerais e acadou dous dos oito escanos reservados para A Coruña. Gómez-Reino fala desta nova etapa que se abre tanto na súa vida coma no país, como unha "sensación de ilusión polo cambio compartida con tanta xente" e da "forte sensación de responsabilidade, de estar ante unha responsabilidade histórica", xa que os resultados electorais deixan un mapa no que non hai maiorías para formar Goberno e hai unha obriga de pactar e de chegar a acordos entre partidos.

"Para a lexislatura que vén non vai valer a retórica. Cada forza vai ter que definir se quere ser parte do pasado ou do futuro. Parte do problema ou parte da solución. O debate non vai de aritmética nin de vellas receitas, o debate vai de asumir a demanda de cambio dunha grande parte da sociedade. E de asumir os grandes desafíos -de xustiza social e de solidariedade e democracia territorial- destes tempos", explica Gómez-Reino, que centra en tres eixos o que debe ser o obxectivo fundamental do novo Goberno.

O primeiro teno moi claro: "Rescatar as persoas", iso significa "traballar para defender e blindar os dereitos sociais e os servizos públicos". O segundo, nesta folla de ruta do deputado de En Marea, está "rescatar a economía". Cando Gómez-Reino fala do rescate da economía refírese a "defender un novo modelo económico e produtivo onde estean as persoas primeiro", onde se protexa aos sectores produtivos propios e onde a economía esta fundamentada "no emprego de calidade".

O terceiro eixo é o de "rescatar a democracia" para, por unha parte, "rematar coa corrupción" e, pola outra, "profundar na participación da cidadanía, resolvendo as cuestións relevantes, tamén a territorial, ao través das canles democráticas".

En Marea defende a participación da cidadanía en política, pero non como un oficio, unha maneira de vivir, senón como un servizo público.

"Levabamos tempo dicindo que os partidos da crise e a corrupción non nos representaban e esixindo que as persoas normais teñamos un papel activo nas decisións sobre o común e o público. E, polo tanto, é imprescindible que exerzamos unha responsabilidade cívica, cun horizonte de valores, o de transformar a situación política, económica e ambiental; e un horizonte temporal. Depois duns anos limitados exercendo a actividade institucional, retornaremos a nosa vida normal", explica Gómez-Reino.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine