Ricardo García Mira ten claro que a política non se fai só desde os escanos do Congreso ou do pleno municipal, que hai tamén un activismo na rúa que dá experiencia. O profesor García Mira foi elexido polos seus veciños para representar á Coruña no Congreso dos Deputados, unha tarefa que asegura que emprende "con moita ilusión".

É a primeira vez que ostenta un cargo de representación, aínda que se considera activista desde os "16 anos" cando se reunía con outros compañeiros no soto de Moncho Valcarce, o Cura das Encrobas. "Alí revolviámoslle a biblioteca e faciamos activismo social, o que se nos permitía, porque era o ano 1971", recorda García Mira, que participou no deseño dos procedementos democráticos da Universidade de Santiago.

Sobre o escenario que deixan as eleccións xerais, asegura que "vai precisar moito diálogo" e que o panorama é todo o contrario a "depresivo". Se fai unha lectura dos resultados -a perda de máis de 60 escanos no PP, de 20 do PSOE e a entrada con forza de Podemos e Ciudadanos- di que esta nova etapa vai precisar de "moita negociación, que non é malo". A súa posición cambiará tanto se o Partido Popular consegue formar Goberno como se non o fai, xa que abriría a posibilidade de que fose o PSOE o que se puxese á fronte. Dun xeito ou doutro, ten claro que defenderá os sectores estratéxicos e produtivos da provincia así como o remate de "determinadas infraestruturas".

"Estamos nun mundo moderno no que as decisións xa non se toman de arriba a abaixo, a cidadanía está pedindo que o sistema de decisión ten que mudar", explica, e asegura que o PP non lle pode "dar as costas" a esta afirmación que entende que saíu das urnas.

Defende ao sector do cerco e asegura que o leiteiro non pode vender o leite a un prezo "tan cativo" e que se estea a importar leite facendo que se afunda "o tecido produtivo local". Avoga por "protexer aos emprendedores" que investiron para levar adiante as súas explotacións e que, agora, se senten "traizoados" polas administracións.

"Primeiro, temos que esperar a que se garanta a estabilidade do país, do Goberno e, despois, proceder a traballar nestas cuestións, que son as que fan país. Pertencer á Unión Europea non pode significar só estar no euro", explica García Mira, que espera traballar co Concello e coa Xunta no tema do financiamento do porto exterior.

"O primeiro é a transparencia, a xente ten que saber que se está a facer nos peiraos", explica García Mira, que cre que se ten que constituír unha mesa de traballo na que haxa representantes do mundo empresarial, veciños e administracións para coñecer a realidade da situación e que "beneficios económicos trae esa venda". Así que, avoga pola transparencia.