Pepe Capelán Membro do grupo Fillos do Estramonio, actúa mañá na Mardi Gras

"Metémonos coa moda dos 'hipsters' e co fanatismo que hai nas vilas coas verbenas"

"Dedicámoslle unha canción a José Tojeiro, un icono da subcultura 'friqui" -"Queremos adaptar temas de Michael Jackson á muiñeira"

28.12.2015 | 02:03
O guitarrista e vocalista de Fillos do Estramonio, Pepe Capelán

O arteixán Pepe Capelán é un dos vocalistas do grupo Fillos do Estramonio, un conxunto cómico e rockeiro galego nacido no programa Bamboleo, da TVG. Actúan mañá na Mardi Gras ás 21.30 horas.

-Como foi o nacemento de Fillos do Estramonio, en 2013?

-Somos todos compañeiros de traballo, do ámbito do audiovisual, e confluímos en Bamboleo. Só, un de nós vive profesionalmente da música, o resto tiñámolo como hobbie e xuntámonos como se xuntan os amigos. Pasounos o que lle pasa aos críos que con 15 ou 16 compran a súa primeira guitarra, e xúntanse a tocar no trasteiro dun, pero con trinta e pico anos. Tiñamos ganas de pasalo ben. A primeira das nosas actuacións foi en Bamboleo, e, cando vimos que o pasabamos ben e tiñamos un repertorio axeitado tomámolo un pouco máis en serio.

-Versionan cancións de rock, pero póñenlles letras humorísticas en galego. Como Jastei o gel por Highway to Hell...

-Si, collemos un clásico do rock, blues, e dicimos: 'A esta canción pégalle falar de esto'. Outras veces primeiro temos a letra e buscamos adaptala a un tema.

-Inspíranse en grupos da época de Siniestro Total?

-As nosas inspriacións son esas: Siniestro, Os Resentidos, e sobre todo os Herdeiros da Crus, aínda que non o plantexaramos conscientemente. Nós medramos co Xabarín Club, e bebemos diso. Eran os primeiros grupos de rock en galego.

-As súas cancións teñen referentes moi galegos, como José Tojeiro, que se fixo famoso nos primeiros tempos de internet.

-Pareceunos un icono da subcultura friqui. José Tojeiro foi un youtuber sen sabelo, un pioneiro dos memes e estas cousas. Traspasou todos os límites, e todo o mundo coñecía o da 'drogha no colacao'. Tamén falamos de ir lavar ao río, do movemento de marcos, é moi galego todo. E dos iconos da nosa infancia: versionamos Life is life como Michael Knight, dedicado ao coche fantástico.Deixámola sempre de última nos concertos porque está arrasando.

-Teñen letras con situacións máis actuais?

-Metémonos coa moda que hai agora dos gin tonics tan elaborados, ou dos hipsters, coa súa barba, camisa de cadros e gafas de pasta.

-A súa canción Imos ver tocar á panorama enténdese ben cando actúan nas verbenas?

-Non é escarnio, pero é unha broma sobre fanatismo case cego que hai nas vilas coas verbenas. Temos compartido momentos de verbenas, pero o noso enfoque é distinto. E iso que no repertorio temos cumbias.

-E algunha ranchera.

-E unha que non é ao uso, senón dunha ilustre da música mexicana, Paquita la del Barrio. A esa non lle adaptamos a letra porque parécenos unha letrista brutal. Respetamos o orixinal dalgunha máis, como Mi Gran Noche de Raphael. É demasiado boa como para cometer o sacrilexio de cambiarlle a letra.

-Cren entón que hai referentes suficientes na cultura pop galega?

-Entendemos que existe unha cultura pop galega; tamén temos un rap con ese audio de 'me fendió la cona en sien mil pedasos'. Agora queremos adaptar uns temas de Michael Jackson, cambiándolle a letra e facéndoos a ritmo de muñeira.

-Con que instrumentación veñen hoxe á Coruña?

-Imos ser cinco, dúas guitarras, baixo, batería e instrumentación de vento. O noso saxofonista tamén empregara unha melódica, un silbato, unha turuta?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine