O Concello da Coruña quere amosar a súa condena ante o crime machista perpetrado na localidade de Torrevieja (Alacante) e coñecido este venres, onde un home asasinou á súa muller e ao seu fillo, a sí como enviar as súas condolencias á familia e amizades da vítima.

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, lamentou profundamente este crime. “Nos últimos tres días, tres mulleres e un bebé foron asasinadas polas violencias machistas, un xeito dramático de acabar un ano igual de dramático”, sinalou a edil ao lembrar os asasinatos perpetrados en Alacante, Adra (Almería) e Mos. A responsable municipal un chamado ás autoridades competentes para “tomar medidas” e modificar a Lei Integral de Violencia de Xénero co obxectivo de “adaptala á realidade”. “Aínda que as cifras oficiais son terribles, este ano houbo outros feminicidios que, por non estar contemplados na Lei, non se contabilizan, como é o casos do bebé atopado hoxe ou das nenas asasinadas polo seu pai en Moraña”, sinalou Fraga.

A concelleira esixiu ás administracións autonómica e central “que reaccionen e consideren o feminicidio como unha cuestión de Estado”, ás que tamén demandou reforzar programas de prevención e dos servizos de apoio ás mulleres en situación de violencias machistas a través dunha maior dotación orzamentaria.