Tonhito de Poi é membro do grupo de rock bravú Heredeiros da Crus desde o nacemento da formación en 1992. Hoxe actúan ás 22.00 horas na sala Mardi Gras, como parte da súa xira Jalisian Tour.

-Van tocar algún tema novo neste concerto?

-Non. Nesta xira estámonos baseando no espírito co que empezou Heredeiros, tocando nos pubs pequenos. Rescatamos algúns dos temas cos que comezamos, que había moitos anos que non tocabamos. Para que a xente que nos vira naquela época teña a sensación de volver vinte anos atrás.

-Vostedes tocaron para aforos de miles de persoas. Por que volver aos pubs

-Porque aí é onde está toda a forsa, a condensación, o suor? Aí é onde naceu Herdeiros e onde está o rock and roll. Iso é volver ás raíces. É o mellor do mundo. Os pubs pequenos son o máximo, un éxtase: o griterío, a xente, telo todo ao lado, é incrible. Os palcos grandes teñen o seu punto. Pero onde nace o rock and roll é nos sitios pequenos. Despois florece nos escenarios grandes, pero onde se cría a semente é no pub pequeno, nos ghaliñeiros.

-No 2017 cumpren un cuarto de século. Maduraron moito?

-Que va! Estamos peor que nunca. Facemos máis tolerías incluso que antes (ri). E en canto enerxías e forzas temos o dobre, o triplo.

-Atópanse con moita xente nova nos concertos?

-Veñen moitísimos, e eses saben case máis que os veteranos. Están diante de todo e sábense os temas tanto ou máis que a Vieja Guardia.

-Continúan bautizando con calimocho aos que van por primeira vez a un concerto seu?

-Si. Os nosos concertos son como unha cerimonia, temos rituais. Agora estamos facendo un felpudo co pelo da xente. Cortamos un mechón de pelo a un voluntario, cando tocamos o tema de Operasión Champú, e con iso imos confeccionar un felpudo para os nosos ensaios (ri).

-Falando de rituais, vostede fixo varios viaxes á selva amazónica. Atopou moitos puntos de contacto entre a cultura galega e o chamanismo?

-Si. É que cando estás na selva amazónica na parte de Brasil falante en galego. Bueno, en brasileiro, pero, carai. E temos moitos rituais moi parecidos, como o do lume, coa queimada. Todos os pobos que manteñen o vínculo coa terra son parecidos. O dos galegos máis ou menos mantense, o que pasa é que a civilización é como unha epidemia, invade todo. Despois a xente tolea ao perder o contacto coa realidade.

-No último mes tocaron na Coruña Siniestro Total, Aerolíneas Federales, vostedes... Os grupos galegos dos oitenta e noventa seguen vivos?

-E por que non?Mentres te poidas subir ao escenario e defender o teu repertorio con dignidade e con potencia e a xente lle guste? A xente é quen decide. Se nós non tiveramos unha comunión coa xente, a xente non viña á nosa misa.

-Cren que axudaron a darlle orgullo á xente do rural galego?

-Se alguén ten que estar orgulloso é a xente do rural, xa cho digo eu, a que aínda mantén as aldeíñas, nas leiras e anda ao mar. E nós somos de aldea! Todo saíu espontaneamente nun ghaliñeiro, literalmente ademais, que ensaiabamos alí.

-Cales son os plans para despois da xira?

-Estamos preparando un tema novo. Nós presentamos un single, Buscando a Superfama, no programa Land Rober da TVG. O presentador dixo con bo criterio que nós somos un grupo que contamos historias, a maioría verídicas, e pediulle a alguén do público que nos inspirara unha canción. E unha rapaza contou que a primeira vez que puxo un tanga, como non sabía manexar esa prenda, púxoo do revés. Fixemos unha canción con iso e imos entrar no estudio con ela. A ver como abordamos o videoclip. Iso é o que estamos esperando todos! (ri)

-Non van sacar novo disco?

-Non, non, non, nós imos ir a polo disco. Pero o disco é un esforzo moi grande a todos os niveis, e polo momento non sae rendible. Sacamos hai pouco o disco Jard Rock con fé, agora o single este que reactivou outra vez o grupo, agora imos sacar outro? Esperamos que a xente vexa que estamos creando, que estamos aínda en forma. Despois, máis para adiante, na música non se está por negocio, sacaremos un disco si ou si, iso fijo. Tamén queremos sacar un documental da historia do grupo.

-Emociona máis intepretar historias en clave de humor, como a maioría das súas cancións, ou achegarse a temas máis serios, como en fan en María?

-Desfruto o mesmo interpretando María ou Corasón de Carballo, que soncancións que me emocionan, que tocando Quero josar ou Manuela, que é un tema que conta unha historia moi poderosa e que me emociona aínda que non sexa triste. A min encántame pasar polo monte cando fai sol, pero cando chove, flipo. O tema é estar no momento adecuado. Non podes basear un concerto en temas tristes nin só alegres; ten que haber de todo, primeiro, segundo, postre, café, chupito (ri).

-Cando escribiron a canción Nada que contar estaban pensando en Nada que contarUn soneto me manda hacer Violante

-Fíxoa Tucho e non quero falar por el, pero non creo que pensara demasiado, xa cho digo así. Se en algo se basean os temas de Heredeiros é en que quien piensa pierde (ri). Así que non hai que pensar demasiado (ri).