-Que primeiros pasos e decisións está a dar e tomar a Universidade da Coruña?

-Agora todos os membros do equipo de goberno estamos a preparar os orzamentos deste ano. Necesitámolos o antes posible para plasmar as propostas coas que nos presentamos ás eleccións. Trátase de adaptar a proposta de Nova Luce á realidade actual da Universidade e iso ten que ver con adecuar a oferta académica, sobre todo os mestrados, dar un novo impulso á I+D, que xa medrou nos últimos anos, apostar pola internacionalización e as competencias lingüísticas dos nosos titulados e traballar nas novas formas de goberno, que se notarán máis ben axiña.

-Novas formas de goberno. Diga unha novidade.

-Por exemplo, o noso goberno será máis transparente e máis aberto á sociedade e á opinión dos distintos sectores. Estas bases tense que ver no primeiro ano de xestión. Temos que amosar á sociedade que o gasto é responsable e priorizado.

-Voltando ao orzamento. Na toma de posesión desexou que fose estable. Como ten que ser de estable ese financiamento?

-Temos o marco estable porque o plan de financiamento que se inicia este ano é unha previsión ata o 2020, pero ten que ser eficiente e suficiente, e temos que traballar niso. Máis importante que o reparto é conseguir que a contía total sexa suficiente e eficiente, insisto.

-E a eficiencia acádase con?

-A eficiencia quere dicir que os fondos sexan suficientes e se gasten de xeito correcto. Nós demostramos ano tras ano que o gasto dos nosos fondos limitados é eficiente no sentido de que os axustamos perfectamente aos ingresos recibidos. Agora a Universidade está ao nivel mínimo de financiamento que pode ter, e calquera baixada de orzamento vai repercutir na calidade do servizo impartido pola institución. A partir de ahí temos que aumentalo.

-Un novo aumento entón, como o ano pasado?

-Foi un incremento debido a axustes salariais de anos anteriores máis que un incremento efectivo de fondos disponibles. Este ano haberá un incremento salarial. Hai que ir vendo como evolucionará o plan de financiamento, que resultados se acadan, que indicadores se incorporan? e para iso será importante o papel da comisión de seguimento dentro do plan.

-Houbo leas coa Xunta nos últimos dous anos, con presentación de recursos nos tribunais, pola súa inversión na UDC. Mellorou a relación co novo plan?

-Deuse unha imaxe distorsionada da relación. Nós sempre imos poñer por diante os intereses da UDC e se non son tidos en conta loitaremos para facelo, pero sempre desde a lealdade e a colaboración. Tivemos un forte desencontro na forma de expresar o anterior plan de financiamento, que sempre consideramos que era perxudicial, e iso condicionou a relación. Pero tiñamos e temos outras relacións de colaboración noutros eidos. Agora o trato é igual de cordial.

-Que investimentos son máis inmediatos ou urxentes?

-Co orzamento que temos neste momento non podemos facer fronte a grandes inversións en infraestruturas, polo que as que temos deber ter as condicións axeitadas de uso. Agora o maior reto é facer un investimento tecnolóxico realmente importante polo avance tan rápido das novas tecnoloxías. Temos un plan para o desenvolvemento do campus industrial de Ferrol que nos permitirá facer accións para ter financiamento específico.

-Vostede, e tamén Armesto en 2011, insisten en que os campus galegos deben traballar de xeito coordinado desde a súa autonomía. É real esa colaboración ou é unha constante vontade?

-Hai un nivel de colaboración importante pero temos aínda terreos para aumentala. Se non a temos en niveis de adquisición de equipamento ou prestación de servizos básicos, perderemos posibilidades de ser eficientes. Haina pola realización de mestrados interuniversitarios, para o desenvolvemento de ferramentas e aplicacións informáticas... Aí ten que facer un papel moi importante o consorcio universitario.

-Enriba da mesa está a restruturación de oito centros. Rematou este debate?

-Estamos aínda a analizar a estrutura da Universidade. Mantemos que cando a comisión que a estuda remate o seu traballo e teña consecuencias iremos a un claustro onde toda a comunidades debatirá. Despois tomarase a decisión.

-Pero o novo reitor é partidario de racionalizar ou non?

-Se a Universidade é consciente de que a estrutura é a axeitada, non só de centros senón de departamentos e servizos, perfecto, se non, se cambiará canto antes mellor. Non hai ideas preconcebidas no equipo de goberno. Santiago estano a estudiar dun xeito interno sen repercusións mediáticas.

-Que necesita a UDC para ser máis forte en investigación?

-Nos últimos anos o esforzo foi importantísimo na mellora dos indicadores de producción científica, captación de fondos, relación estable coas empresas? Agora temos que asentar e apoiar grupos de investigación competitivos. O financiamento fundamental nestes momentos está en Europa máis que en España porque hai redución drástica en fondos de investimento para proxectos. Temos que estar atentos ás convocatorias europeas para avisar aos nosos equipos para que se presenten. A UDC ten unha antena en Bruselas para as propostas. Ten que axudar aos investigadores a que busquen socios para as suas propostas para que o éxito nas convocatorias europeos, que é baixo, se mellore.

-Cal é o teito no terreo da internacionalización?

-Estamos a pasar á terceira fase, que é a de establecer relacións máis estables coas universidades internacionais tanto para elaborar programas conxuntos educativos como relacións estables de investigación e transferencia. A institución ten que facilitar estos procesos para acelerar nestes catro anos.

-Contra qué se tropeza a loita por mellorar a calidade?

-A calidade é un proceso. Hai que mellorar enormemente os resultados. Eu o que quero é que os meus titulados saian cada vez con maiores competencias, mellor preparados para o desenvolvemento da súa actividade profesional. Formamos moi bos profesionais, con inserción moi alta e de recoñecido prestixio en universidades e empresas e o nivel de satisfacción dos estudantes coa formación é moi alto.