O Concello xa entrou na ronda de contactos iniciais de Julio Abalde desde a toma do seu cargo. Terá xuntanza axiña co Consello Social da UDC, con quen o novo reitor quere reforzar as tarefas de comunicación da institución académica coa sociedade.

-Que relación agarda ter a UDC co Concello, con quen xa tivo xuntanza?

-Queremos incrementar a colaboración entre os dous equipos en áreas de interese como medio ambiente, aí temos a preocupación pola ría do Burgo, urbanismo, cultura ou mobilidade. Temos obxectivos comúns e hai que intensificalos, como a residencia universitaria, que estará o vindeiro curso.

-E ao Consello Social que se lle transmitirá?

-Queremos colaborar moi intensamente con eles para establecer as pontes de relación da Universidade coa sociedade. É un actor fundamental para reforzar a comunicación da Universidade co seu entorno social e coas empresas, entidades sociais e institucións e para informar sobre o coñecemento que a comunidade universitaria aporta á sociedade.

-Insiste niso. É que non soubo aínda a Universidade darse a coñecer ben?

-Penso que a sociedade non foi plenamente consciente do que representa a Universidade para a área metropolitana ou para Ferrol, se cadra porque a Universidade non foi quen de explicar o que supón o seu traballo na sociedade. Temos que pór maior esforzo en ser máis permeables e abertos porque moitas veces fálase de nós por problemas e conflictos con outros e reclamacións e non polo que facemos día a día en investigación, colaboración ou actividades culturais e sociais.