Stop Desafiuzamentos foi a plataforma social que deu visibilidade aos casos máis mediáticos de veciños afectados por desaloxos xudiciais, como Aurelia Rey ou Elisabeth Sanlés. Agora mantén encontros informativos e atende a cidadáns con problemas semellantes, explica un dos seus membros fundadores, Héctor Tejón, quen ve lixeiras melloras nas actuacións das administracións e os bancos para arranxar os casos, pero segue esixindo solucións claras.

-Os xulgados revelan que a meirande parte dos desafiuzamentos executados na cidade son por impago de aluguer. Son tamén os casos que máis chegan á súa plataforma?

-Os datos do poder xudicial hai que depuralos porque non é a primeira vez que aparecen incluidos os baixos que non poden seguir pagando. Que a xente non acuda a Stop Desafiuzamentos non significa que non haxa desafiuzamentos na cidade. De todos os xeitos, nos últimos tempos apreciamos que baixa a xente que ven a nós por un problema de desafiuzamento por impago de aluguer, pero cada vez veñen máis persoas por temas de claúsula chan ou de hipoteca ou para informarse antes de ter a orde de desafiuzamento. Por sorte xurdiu a conciencia de poñer antes a venda que a ferida.

-Están as administracións a mellorar esforzos por acadar axudas para os afectados?

-A Xunta ten un plan, chamado Realuga, do que non sabemos as solucións que da. Os afectados son ben atendidos e informados, pero non se lles da ningunha medida garantista de dereito á vivenda, e hai altas esixencias nas cláusulas para acceder ás axudas. E o Concello, dende o cambio de goberno municipal agora polo menos sabemos que hai vivenda municipal, pouca, pero a hai. Agora hai cinco, polo que informa.

-O anterior Goberno local di que paralizou 800 casos e facilitou 67 vivendas de aluguer social.

-¿Os números? É coma todo, a ver quén parou máis desafiuzamentos. Non creo que sexa un mérito paralos, é un demérito non ter garantido o dereito á vivenda. ¿Houbo 67 pisos? Non o sei. O que sei é que cada vez que nós fomos con casos de clara emerxencia social e necesidade de vivenda sempre recibimos a mesma resposta: non hai recurso, o que podemos ofertar é prazas en Padre Rubinos e o albergue de Sor Eusebia. Non sei se ofrecer habitación nun fogar de acollida é unha vivenda. Non deron alternativa habitacional ningunha, e cando se conseguiu foi pola presión da rúa. No Concello semella que o tema da vivenda sempre é opaco, hai un segredo como se fose algo do que avergoñarse.

-E os bancos, dan agora máis facilidades aos desafiuzados?

-Os bancos tomaron nota do que pasaba e fixeron unha responsabilidade social corporativa. Dan un tratamento cara fóra, pero polo que estamos sabendo seguen facendo chamadas de acoso inmobiliario e poñen problemas á hora de negociar a dación en pago. Hai moitos xiros que obstaculizan os pasos que deben dar os afectados. Nunca houbo boas prácticas e non hai facilidades para chegar a resolucións.

-Que accións vai seguir facendo a plataforma?

-Stop Desafiuzamentos mantén reunións informativas e atende aos afectados que contactan con nós. Somos un colectivo social que só pode informar e dar conciencia política do problema. As solucións teñen que vir doutro lado, dos que teñen recursos e competencias.