Alumnos do IES Fernando Wirtz participan esta semana nos talleres da segunda edición do proxecto A Coruña Emprende, co que se pretende dar formación a escolares coruñeses sobre a importancia de emprender e as claves para formar a súa propia empresa. Outro dos obxectivos desta iniciativa, organizada pola Consellería de Educación e na que colaboran a Fundación Alcoa e LA OPINIÓN, é fomentar o espírito emprendedor entre os máis novos para mellorar a súa inserción laboral unha vez que rematen a súa formación académica.

Na xornada de onte, os estudantes do IES Fernando Wirtz recibiron unha charla sobre emprendemento dixital a cargo do informático Alberto Basalo. Nesta sesión os estudantes puideron coñecer como montar un negocio en internet desde tres posibilidades: empregar a Rede como publicidade e escaparate para dar a coñecer aos potenciais clientes os produtos ou servizos que oferta o negocio; como unha tenda na que vender os produtos da empresa; e por último, que o propio produto sexa dixital, por exemplo, formación ou consultoría a través de internet, o que se coñece como infoprodutos.

Neste taller, segundo explica Basalo, explícaselles aos participantes que os negocios na Rede teñen o mesmo proceso que as empresas tradicionais ou offline porque se precisa unha idea, captar clientes, contactar cos proveedores e buscar financiación para montar e sacar adiante o proxecto. Os alumnos descubrirán ademais que nos negocios na Rede existe a posibilidade de dar a coñecer a empresa e os seus produtos de xeito global e comprobarán como se pode medir en internet o resultado da súa actividade e como interactuar a través das redes sociais cos seus clientes. Outro grupo do IES Fernando Wirtz terá hoxe unha nova oportunidade de aprender os segredos do mundo dixital nunha nova ponencia de Basalo.

O experto non participou na anterior edición de A Coruña Emprende pero nas charlas que impartiu durante esta segunda convocatoria sorprendeuse do interese que despertan as novas tecnoloxías entre os máis novos porque son "nativos dixitais" que están "moi acostumados a estes conceptos". "Estaba preocupado en como captar súa atención durante tres horas e fansenos curtas", indica Alberto Basalo.

Destaca ademais que nos alumnos máis maiores, entre 40 e 50 anos, que decidiron retomar os estudos, tamén percibiu que existe ese interese polo tema debido a que "son conscientes da importancia de apuntarse ao carro da tecnoloxía".

Esta edición de A Coruña Emprende complementase con visitas dos alumnos a diferentes empresas, entrevistas con empresarios da zona e un concurso de idea e de negocio e outro de proxectos que deben elaborar en grupos con outros compañeiros de clase. Nesta segunda convocatoria participan escolares de Primaria, Secundaria e Formación Profesional ademais de profesores dun total de quince centros educativos de A Coruña e a súa área metropolitana.