O sábado viviuse no centro cívico de San Diego un episodio pouco usual na política municipal da cidade. O Goberno en pleno, co alcalde á cabeza, fixo algo tan sinxelo como sentarse diante dos veciños a agardar o aluvión de preguntas e queixas. Esa beirarrúa que precisa bolardos para que os coches non sexan unha barreira ao peón. Ese centro cívico que suprimiu unha actividade con demanda dos veciños. Política das pequenas cousas, esa que ás veces vive fóra dos plenos.

Aló se achegaron arredor de 200 persoas e dúas horas de acto non foron suficientes para responder a tanta man alzada pedindo un minuto de protagonismo. Había ansias de falar e interpelar a aqueles que agora nos representan. Quen dixo que a política non interesa?

Máis a pregunta que cómpre facerse é por que isto non foi o habitual até agora. Por que gobernantes -e gobernados, por omisión- permitiron aos cargos públicos erguer ao seu redor unha empalizada que os protexese do escrutinio sen protocolos da xente corrente.

Nos últimos anos, os xestores desta cidade presumiron de investir millóns de euros en implantar as novas tecnoloxías para a construcción da "cidade intelixente" (ou Smart City, para a cool people), mentres os espazos de diálogo directo con aqueles que a habitan -e mellor a coñecen- eran inexistentes. É algo así como comprar unha televisión de última xeración con renderización 3D mentres a iluminación da casa funciona con candelabros. As pantallas de plasma non están mal, pero hai prioridades.

A afluencia a este Dillo ti -nome desta iniciativa de participación- amosa que esas persoas ás que se lles deixa votar cada catro anos tamén queren falar entre cita e cita coas urnas. E que se lles escoite. Estamos faltos de espazos de participación, institucionalizados, que normalicen a conversa cara a cara entre representantes e representados. Fóra dos despachos existe unha potente intelixencia colectiva, a dos veciños, que son o mellor sensor á hora de detectar o que non funciona.

Máis aló deste paso dado, o Goberno ten agora a responsabilidade de que as queixas trasladadas non caian en saco roto. A participación non se pode convertir nun simple brinde ao Sol sen consecuencias na mellora da realidade. Sería unha grande oportunidade perdida e, sobre todo, xeraría frustración entre aqueles que confiaron en novas formas de facer. E diso xa tivemos abondo.