-Por que apostou por estudar esta relación entre párkinson e os efectos da práctica deportiva?

-Isto forma parte da miña tese doutoral, que fago con Motor Control Group, un grupo de investigación da facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física (INEF). Eu sempre quixen abordar algo relacionado coa rehabilitación ou a neurociencia, así que, xa que o párkinson sempre foi algo punteiro, escollín esa vía. O que fixemos foi investigar as terapias de rehabilitación da marcha no caso de pacientes con párkinson. Este artigo era só unha parte da tese e con el queríamos entender mellor por que despois de facer exercicio na cinta de correr as persoas con esta enfermidade tiñan máis estabilidade ao andar.

-Como é isto?

-As persoas con párkinson caracterízanse por camiñar dun xeito moito menos estable e a pasos curtos. Neste grupo de investigación comprobouse que despois de entrenar nun tapiz rodante durante 20 minutos, durante os 15 minutos seguintes estas persoas camiñan dun xeito moito máis estable. Un adestramento máis prolongado sobre o tapiz axuda a mellorar con respecto a exercicios no chan. Non teñen que camiñar a unha velocidade moi alta, simplemente á que lles pareza a preferida. A idea era saber se unha das causas posibles disto era certa ou non.

-Que hipóteses se desbotaron finalmente para explicar este fenómeno?

-Co exposto no artigo queriamos estudar se a mellora ao camiñar despois de andar no tapiz tiña que ver co feito de que, na máquina, os enfermos prestaban máis atención ao andar, e iso podía ter despois consecuencias á hora de ser máis estables na marcha. Pero non, cremos que esta non é a razón.

-Cal cre que é a causa de que se ande mellor tras pasar pola cinta?

-Pensamos que son outras razóns de tipo neurofisiolóxico e que non ten necesariamente que ver coa atención que prestan mentres fan este exercicio. Digamos que hai diversas teorías e nós axudamos a ir descartando algunhas. Nós apostamos porque é o propio movemento da cinta o que favorece a mellora ao andar, polo efecto que causa ao circular cara atrás.

-Este tipo exercicios, máis alá de facilitar a vida da persoa con párkinson, poden atrasar a aparición dos síntomas desta enfermidade?

-Si, aínda que isto xa sería outro tema que se sae da miña investigación. Si que é certo que hai unha batería de ferramentas que se usan para mellorar calidade vida das persoas con párkinson, ralentizando o empeoramento. Hai exercicios cognitivos, de equilibrio... O Taichí, por exemplo, é moi bo porque ten moitos movementos nos que o equilibrio é fundamental e mellora moito. Hai moitas ferramentas, con obxectivos diferentes, que poden axudar. Se o exercicio xa é bo e se lle recomenda a todo o mundo, máis aínda para os enfermos de Parkinson, que comezan a ser máis frecuentes a partir dos 60 anos. É importante facer o posible para preservar a calidade de vida neses momentos de idade avanzada.

-Están extendidos en Galicia este tipo de tratamentos con exercicios físicos entre as persoas con párkinson?

-A verdade é que ese é un hándicap. Os pacientes aquí o que adoitan é ter o contacto co neurólogo. Algúns o que fan tamén é involucrarse nas asociacións de afectados de párkinson, entrando a partir desa vía en contacto con expertos en rehabilitación ou fisioterapia. O que acontece é que non todo o mundo está preparado para poñerse a facer estes exercicios unha vez lle diagnostican a enfermidade. Depende moito do nivel de desenvolvemento en que se atope.

-O feito de ter unha vida deportiva activa, pode evitar a aparición dunha enfermidade como esta?

-Dicir que si a iso é un pouco atrevido porque o párkinson ten unha orixe multifactorial. Existen factores externos pero tamén hai unha certa predisposición xenética. É un pouco difícil dicir con rotundidade que non o vas padecer.O que si se pode afirmar é que, evidentemente, a calidade de vida vai mellorar e se a enfermidade vai a aparecer, a actividade física vai axudar a retrasar o seu avance.