O IES Isaac Díaz Pardo deseña hortos robotizados para 'A Coruña Emprende'

Alumnos de 1º de Bacharelato de Tecnoloxía e Economía traballan nesta miniempresa

09.02.2016 | 01:39
Alumnos do IES Isaac Díaz Pardo de Sada constrúen un invernadoiro para o seu proxecto de miniempresa.

Os alumnos do IES Isaac Díaz Pardo de Sada acadaron o ano pasado na primeira edición de A Coruña Emprende o terceiro premio na modalidade B grazas a Trebolecer, unha idea sobre unha empresa que ofertaría servizos de asistencia a persoas da terceira idade. Ese recoñecemento motivou que se animaran a presentarse de novo ao programa que coordina a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, financia a Fundación Alcoa e no que colabora LA OPINIÓN. Nesta ocasión, no apartado de proxectos de miniempresas de A Coruña Emprende 2, o IES Isaac Díaz Pardo presentarase como unha cooperativa galega cuia actividade fundamental é o deseño, a construcción e a distribución de minihortos robotizados, e como actividade secundaria o asesoramento a particulares e pequenas empresas e industrias sobre como reducir os custos en enerxía.

O IES Isaac Díaz Pardo foi un dos catro centros educativos da Coruña e da súa área metropolitana seleccionados para formar parte do proxecto miniempresas de A Coruña Emprende 2. Tamén traballan nesta iniciativa, que busca fomentar a creación de empresas simuladas nas aulas, o CIFP Paseo das Pontes da Coruña, o IES de Viós de Abegondo e o IES Universidade Laboral de Culleredo.

Alumnos de 1º de Bacharelato de Tecnoloxía e Economía participarán neste proxecto do que xa rematou a fase de aprovisionamento de recursos -como as pezas robotizadas e a madeira para a estructura do invernadoiro- e no que agora traballan de cheo na producción. Segundo explica unha das mestras do centro que colabora na iniciativa, María Sol Doval, estes minihortos robotizados están pensados para xente que vive en pisos e teñen unha terraza onde deixar medrar, por exemplo, especies exóticas, legumes -aproveitando que este é o Ano Internacional das Legumes- ou allos negros. Ao ter a ventaxa de estar robotizados regularíanse de forma automática as condicións de humidade, luz e temperatura que precisan. Nesta tarefa de asesoramento dos tempos das sementes e as condicións para que medren colabora o departamento de profesorado de Ciencias Naturais, mentres que o de Artes Plásticas intervén no deseño do logotipo e a imaxe corporativa. Pero o peso do traballo levano os alumnos de 1º de Bacharelato de Tecnoloxía que se encargan do aprovisionamento dos materiais e da construcción do invernadoiro co deseño da cuberta, a ensamblaxe das distintas partes e a incorporación das pezas robotizadas. E tamén alumnos de Economía que se ocupan dos cálculos dos custos das hortos, a forma de distribución -que será por internet sen tenda física aínda que a sede social da empresa sexa o centro educativo-, o deseño da páxina web a través da que se venderán os minihortos robotizados e a elaboración das contas de perdas e ganancias do curso 2016 durante o que se desenvolverá a iniciativa.

Ademais destes proxectos de miniempresas, as actividades de A Coruña Emprende 2 complétanse con xornadas formativas para alumnado e docentes, visitas a empresas e reunións con empresarios.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine