O escritor e sociolingüista Manuel Portas presentará ás oito desta tarde a súa última novela Lourenço, xograr, Premio García Barros 2015, na libraría Moito Conto (San Andrés, 35). Neste encontro estará acompañado pola escritora Mercedes Queixas e o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes. A obra traza un orixinal retrato da sociedade galega do Medievo a través da experiencia vital de Lourenço, un xograr que aspira a converterse en trovador.

-No libro fala de como se entrelazan os estamentos nun momento convulso do Medievo. Poderíase establecer un paralelismo coa situación social e política actual?

-As dimensións de ambas crises non son equiparables. Nestes momentos vivimos nunha crise capitalista que en certo xeito fai que os máis damnificados sexan os que menos recursos teñen, como acontecía daquela, pero a do Medievo era unha crise a moitos niveis: social, económico, bélico...

-Deixouse vostede levar máis pola ficción ou polo aspecto didáctico?

-Aínda que a verdade histórica está presente na ambientación xeral da novela, o tema principal é a loita de Lourenço por tentar que o seu talento artístico fose máis recoñecido pola sociedade. Tratei de deixar nun segundo plano os aspectos técnicos para que poida ser desfrutada tanto por alguén que dispón de coñecementos previos sobre Historia, como por un lector que careza dese tipo de información.

- Que lle fixo dar o paso de escribir esta novela?

-O certo é que sempre estiven interesado polo que representa Lourenço. Cando era estudante escargáronme unha entrada para a Gran Enciclopedia Galega relacionada con esta personaxe e resultoume moi curioso. Lourenço ten calidade literaria pero non da prosperado por pertencer a unha clase social baixa.

-Como ve a situación actual da literatura galega?

-Un dos grandes problemas actuais é que a literatura, como outras creacións culturais, adoita considerarse como algo superfluo e pouco productivo, e cando a Administración dun país o ve deste xeito, sube o IVE e baixa o investimento en cultura, posicionándoa coma un produto de luxo ao alcance duns poucos. É preciso máis que nunca que resistamos e que fagamos que a nosa cultura perviva nas próximas xeracións.

-Compaxina a súa labor docente coa literaria. Dalle consellos a aqueles alumnos que queren adicarse a escribir?

-Ante todo, os docentes temos a misión de ensinar a disfrutar da literatura, tanto aos alumnos que queiran orientar a súa carreira a escribir como aos que non teñan este interese. Ás veces o sistema educativo prioriza a memorización de autores e obras pero non do seu disfrute, e para paliar esta tendencia segue a ser moi importante a labor dinamizadora dos Clubes de Lectura.

-Prestaríase a que algunha das súas novelas fose adaptada ao ámbito audiovisual?

-Non sería mala idea, son formatos diferentes, o cal non quere dicir que un sexa mellor ca outro. Se algo ten Galicia e, no caso de Lourenço Xograr, a época do Medievo, é unha gran plasticidade que pode dar xogo nas pantallas.

-Ten algún outro proxecto literario entre mans?

-Teño algúns, poderíase dicir que estou en época de barbeito, estou escribindo de vagar. Para escribir hai que vivir e ler, e é o que estou facendo agora, documentarme e coller ideas de diferentes fontes. Por exemplo, estiven lendo teses doutorais sobre Historia ou novelas, e mesmo vendo filmes, que son expresións artísticas nas que calquera creador pode buscar inspiración. Da miña primeira novela, Denso recendo a salgado, chegaron a dicirme que tiña moito de guión cinematográfico. Nunca sabes onde podes atopar material útil para o teu próximo traballo.