Que pode facer o Goberno municipal en materia de emprego e promoción económica? Desgrazadamente, moito menos do que nos gustaría. As restricións impostas á contratación pública pola Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, máis coñecida como Lei Montoro, provocou un paradoxo: que en tempos de crise e recesión económica no que a Administración pública debería ter un papel activo tanto na creación de emprego directo como na promoción económica, sucede xusto o contrario: a Administración destrúe emprego. Este foi, por certo, o prezo que lle pagou o goberno de Rajoy á Troica para evitar o rescate.

Aínda así, o Concello da Coruña vai facer o maior esforzo da súa historia, en termos relativos, na promoción económica e do emprego. Deste xeito, no Plan Municipal de Emprego presentado a semana pasada e dotado con máis de dous millóns e medio de euros, auméntase as partidas destinadas á formación de desempregados -sobre todo, da xente moza e dos parados de longa duración- e tamén as reservadas para a mellora da competitividade das nosas empresas, fomentando a innovación tecnolóxica, a capacidade para exportar e, particularmente, o cooperativismo.

A creación de emprego de calidade, en definitiva, como un compromiso colectivo liderado polo Concello para construír a Coruña próspera e solidaria do futuro.