O título da nova mostra artística inaugurada no Kiosko Alfonso, Os obxectos falan, parafrasea una reflexión do filósofo Martin Heidegger acerca da capacidade dos artistas para reflectir o valor dos obxectos a través das súas creacións. A frase serve para focalizar a atención do espectador ao longo dun percorrido xeográfico e cronolóxico por unha selección de 60 pezas elaboradas entre os séculos XVI e XIX por artistas das escolas francesa, española, italiana e flamenca -52 pinturas e oito obxectos de arte decorativa- procedentes do Museo Nacional del Prado, que estarán dispoñibles para a súa visita ata o 29 de maio de 2016.

Os obxectos falan está dividida en catro seccións atendendo ao ámbito temático no que se encadren os obxectos exhibidos. A sección A clave está no obxecto constitúe un primeiro achegamento hacia a relevancia dos obxectos cando son unha peza fundamental para comprender a escea representada, algo que pode percibirse en obras como El charlatán sacamuelas, de Theodoor Rombouts, na que se ilustra con gran fidelidade todo o equipamento dun sacamoas ambulante.

Os obxectos retrátannos expón a capacidade dos obxectos para encadrar ás persoas dentro do seu ámbito social ou para resaltar as súas cualidades individuais. A obra La dama del abanico, de Alonso Sánchez Coello, amosa, por exemplo, ata que punto un obxecto pode chegar a definir un cadro ata darlle nome.

A terceira sección, Unha mensaxe escondida, sumerxe ao espectador no campo do simbolismo e os dobres sentidos a través dos obxectos con obras como Felicitación de cumpleaños, de Raimundo de Madrazo. Este retrato dunha moza lendo unha carta con motivo do seu aniversario convida a indagar acerca da procedencia e o contido da misiva.

A sección O coleccionismo inclúe tanto obxectos que co paso dos anos perderon a súa utilidade pasando a ser pezas de colección como obras que amosan a súa capacidade para aportar información acerca dos seus propietarios, algo que se pode ver na obra Retrato de caballero, de Alejandro Ferrant, un cadro que amosa ao compositor Urbano Aspa xunto a unha escribanía de prata de gran valor usada no seu traballo.

Esta exposición, dispoñible tanto para visitas individuais como para percorridos de grupos, está incluida dentro do programa educativo A Arte de educar, creado no ano 2009 por parte do Museo Nacional del Prado e da Obra Social la Caixa para difundir a arte entre os alumnos de Infantil, Primaria e Secundaria.

Os obxectos falan é a primeira mostra que se exhibe na Coruña froito do acordo que no ano 2011 asinaron ambas institucións polo que a Obra Social la Caixa pasaba a ser benefactora da pinacoteca, organizando a partir dese momento unha serie de exposicións conxuntas, entre as que se atopan La belleza cautiva, Pequeños tesoros del Museo del Prado ou Goya. Luces y sombras.

Na presentación da mostra, o xefe de Contidos Didácticos na Área de Educación do Museo del Prado e comisario desta exposición, Fernando Pérez Suescun, fixo especial fincapé no éxito que colleitou esta exposición desde a súa inauguración en Cataluña, así como na novidade que supon tela distribuido por primeira vez en dúas alturas: "Nun principio, Os obxectos falan fora concebida para ser exposta únicamente en Cataluña pero o seu éxito nos levou a trasladala a outras cidades coma Tenerife, Cádiz e Zaragoza. Neste caso, decidimos colocar as obras nas dúas plantas do edificio, o que nos permite gañar perspectiva". E engadiu: "Esta mostra pode ser disfrutada por calquer tipo de público, con independencia da súa idade ou nivel cultural".

O director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Arthur Benhamou, apuntou que non é a primeira ocasión en que a entidade financiera participa na difusión e desenvolvemento cultural na Coruña a través da súa obra social: "la Caixa leva tempo colaborando con diversas asociacións e fundacións culturais da cidade, como a de Abrente ou a de María José Jove, e levou a cabo diversos proxectos propios entre os que se atopa a creación do programa Miremos por sus derechos con ojos de niño no Hospital Materno Infantil, orientado a mellorar a atención a todos os nenos e nenas hospitalizados".

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salientou a implicación que a cidade está a ter na promoción da cultura e o deporte: "Hai moitas mostras de apoio ao talento artístico e deportivo, tanto a través da organización e a acollida de exposicións como pola celebración de eventos coma a Copa del Rey 2016".