A asociación veciñal Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules inaugura este xoves Monte Alto 2.0 un encontro aberto para debatir a reforma da praza do Mercado.

-Como vai ser este acto de Monte Alto 2.0?

-É un intento de crear un órgano de debate e decisión de temas do barrio. É a primeira vez que se vai celebrar no centro cívico un acto así da asociación veciñal, que é algo simbólico, porque sempre adoitamos facelos na biblioteca. Trasladámolo porque consideramos que é un espazo que temos de dotar de vida e de debate.

-Elixiron como primeiro tema a reforma da praza do Mercado.

-O que nos dixo o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, foi que nestas semanas se ía preparar o prego da obra e que lle achegaramos todo o que consideraramos que se debía facer. Tivemos unha reunión con el, na que estaban tamén unha representante da escola infantil e outro dos praceiros, que lle fixeron chegar as súas necesidades, pero nós como entidade, queriamos tamén que todos os veciños tivesen a oportunidade de achegar as súas ideas, porque pode que a nós se nos escape algo e todos temos dereito a opinar. Iso si, o encontro durará unha hora, porque o espazo ten as súas limitacións.

-As conclusións ás que cheguen, son vinculantes para introducir no prego?

-Nós imos trasladalas e se a vontade do concelleiro é boa supoño que as collerá e as terá en conta no prego. Nós ímosllas achegar a todos os grupos municipais para que se teña en conta no prego o que pide a xente. Moitas veces, critícanse as obras cando están feitas e faise con motivo porque non se lle consultou antes á xente. Pasou coas reformas que se fixeron nesta praza, que non serviron, porque está morta.

-Estes debates van ter unha periodicidade marcada ou só se farán cando exista un tema concreto sobre o que falar?

-A nós as asembleas gústanos que sexan por algo, porque se se fan moitas e non hai conclusións, a xente cánsase. Intentaremos facer unha por mes porque hai moitos temas dos que falar.

-Como cales?

-O das liñas de bus, por exemplo, nós como entidade veciñal temos a nosa opinión que xa debatimos co concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz, pero tamén a xente ten dereito a opinar e a matizar a opción da asociación veciñal. Nós apostamos polos transbordos menos en liñas que leven aos hospitais e ás estacións de bus e tren, que pensamos que deben ser directas. Sempre intentamos, e a nosa historia está aí como entidade, de defender que haxa participación veciñal de diferentes formas, pero somos dos que pensamos que a participación ten que partir desde abaixo porque, se parte de arriba corre o risco de ser teledirixida cara a uns intereses concretos. Está moi ben o que está a facer o Concello da Coruña, pero nós imos seguir traballando como o fixemos até o de agora.