A Deputación da Coruña pon en libre circulación catro novas imaxes de Rosalía de Castro creadas por catro deseñadoras con motivo do aniversario do seu nacemento, o próximo mércores 24. Unha lectura colectiva de poemas da autora conmemorará na Biblioteca Provincial o aniversario do nacemento da escritora galega máis universal.

Uqui Permui, Aurora Cascudo, Aldara Prado e Paula Mayor son as ilustradoras que crearon as catro novas imaxes de Rosalía de Castro que "libera" a Deputación da Coruña. "Son catro novas interpretacións desde catro creadoras de hoxe da que é un referente indiscutible da nosa cultura. Rosalía foi interpretada a través da poesía, da música, do teatro ou as artes plásticas e nós quixemos que catro ilustradoras deitasen a súa mirada sobre ela para que, como as grandes iconas do noso tempo, a súa imaxe se difundise nas redes de maneira exponencial", comenta a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei.

Como acontece en datas sinaladas, a fachada da Deputación loce dúas faixas nas que se mostran as imaxes de Uqui Permui, Aurora Cascudo, Aldara Prado e Paula Mayor, que, por acordo coas autoras, circularán libremente polas redes sociais.

Lectura colectiva

A área de Cultura da Deputación convoca tamén para o día de nacemento da escritora, o 24 de febreiro, unha lectura pública da poesía de Rosalía de Castro que se desenvolverá na sede da Biblioteca Provincial (Rego de Auga, 37) ás 12 horas. A Biblioteca dedicaralle tamén o seu club de lectura a unha autora culta e trascendental de forte compromiso coas mulleres e as clases populares. Editará asemade unha guía de lectura sobre a súa obra.