O fillo da furia naceu en Monforte pero foi tamén fillo artístico da Coruña. Un audaz autor, un transgresor e unha referencia, lembraba onte o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande. Vinte anos despois do seu pasamento e cinco despois de ser homenaxeado no Día das Letras Galegas, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co apoio do Concello, adícalle un tributo na cidade a Lois Pereiro. Será mañá ás 12.30 horas no teatro Rosalía.

A cita, O fillo da furia. 20 voces por Lois, xunta nun espectáculo poético e musical en torno á obra de Pereiro a unha vintena de poetas e músicos, entre eles Lino Braxe, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Rosalía Fernández Rial, Alfredo Ferreiro, Miguel Mato, Antía Otero, Silvia Penas, Mario Regueira, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Xulio Valcárcel. Tamén participarán na homenaxe, producida por Mercedes Queixas, Xosé Manuel Pereiro e Lino Braxe, as actrices Manuela Varela e Sabela Hermida.

O acto ven a ser unha das iniciativas que se engloban dentro de Cicloxénese cultural, unha serie de "actos e actividades conectados" arredor da figura de Lois Pereiro e das que son partícipes numerosos artistas de todo o mundo a través de diversas disciplinas, como a videocreación, ilustracións, concertos e unha exposición que terá lugar nos vindeiros meses en Monforte de Lemos. Veñen de celebrarse dúas homenaxes en locais de Nova Iorque. "Boto de menos á xente intelixente", confesou Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta e decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, que admitiu que o ano 2011, cando Lois foi lembrado pola Real Academia Galega, foi un "ano duro".

O acto que mañá lembra a Lois Pereiro no Rosalía suporá o inicio de Historias de almanaque, un ciclo de homenaxes a persoeiros artísticos e culturais vinculados á cidade, informou Sande.