Tras oito meses á fronte da xestión urbanística da nosa cidade podemos ir facendo un balance que se resume en dúas vías: por unha parte a ilusión intacta á hora de abordar o noso traballo; pola otra a constatación da nefasta herdanza recibida. A xestión urbanística da Coruña nas últimas décadas xerou múltiples conflitos que se traducen hoxe en indemnizacións millonarias por parte da administración, e en expedientes pendentes de complexa resolución legal. Decisións tomadas polos nosos predecesores que hoxe se traducen nunha voluminosa carga de traballo a maiores dos asuntos que xorden día a día. Un lastre engadido incrementado por unha flagrante falta de persoal no servizo de licenzas á nosa chegada, derivada das políticas de austeridade de orixe estatal, que por fin a día de hoxe emendouse.

Cremos necesario situar a orixe da herdanza recibida que hoxe nos toca xestionar. Unha situación que transcende o marco do local. Artellar un contexto que nos sirva para reflexionar de onde vimos e que modelo de cidade queremos construír no futuro entre todos.

Pasou case unha década dende o estoupido da burbulla inmobiliaria. Así, o ano 2007 quedará sinalado nos almanaques como o arranque da crise inmobiliaria que derivou na crise económica que aínda padecemos. Dez anos de balance deberían ser suficientes para reflexionar sobre as consecuencias que un modelo de cidade baseado na especulación inmobiliaria tivo sobre a economía, na salubridade das nosas cidades e polo tanto, na vida das persoas que as habitamos.

The Economist, na súa edición do 18 de xuño de 2005, caracterizou a burbulla inmobiliaria española como o maior proceso especulativo da historia do capitalismo, período que abarcou a década comprendida entre 1997 e 2007. Un sistema de acceso á riqueza dependente do ladrillo, auspiciado por unha liberalización de terreos que deu lugar a plans xerais sobredimensionados. A superficie de solo urbano aumentou en España entre os anos 1987 e 2006 en máis dun millón de hectáreas. O resultado é coñecido: 3,35 millóns de vivendas baleiras en 2005, un 14% do total, situándonos na taxa de vivendas baleiras máis alta do mundo. Un contexto que explica a paisaxe de esqueletos de edificios inacabados que infestan a nosa cidade, resultado da xestión de licenzas que primaba a cantidade fronte á racionalidade.

Case dez anos deberían servir para redimensionar os nosos plans xerais á situación do novo escenario. Desgraciadamente, non foi así. O noso Plan Xeral de Ordenación Urbana vixente incorpora sen a máis mínima reflexión, unha cantidade importante de grandes pezas de solo urbanizable herdadas do PXOM de 1998, rubricadas polo

PXOM de 2013, que durmen agazapadas á espera dunha quimérica reactivación do mercado. Así, unha das cousas que máis nos estrañou no noso primeiro mes á fronte da Concellería de Rexeneración Urbana foi a présa coa que moi contados axentes acudiron para a reactivación destes grandes paquetes urbanísticos durmidos durante case vinte anos. Sería unha irresponsabilidade pola nosa banda non estudar e valorar as consecuencias de perpetuar un modelo de cidade que consideramos esgotado, e por suposto, este estudo merece un tempo. Un tempo que tamén os nosos predecesores se tomaron, dende 1998 levan coleando estas pezas, recordo. É este feito e non a maior ou menor rapidez na xestión do menudeo de licenzas o que realmente preocupa aos grandes promotores locais. Doutra banda, do volume de expedientes en trámite a día de hoxe no servizo de licenzas, a maioría son trámites abertos sen resolver durante a xestión de anteriores corporacións. Moitos destes expedientes herdados dan como resultado o pago de indemnizacións millonarias por parte da Administración ademais de situacións de desregulación urbanística e incerteza que por suposto nos toca agora xestionar. Obviamente neste escenario, o servizo de licenzas debe traballar agora non de forma máis lenta, senón de forma máis atenta. Como exemplo práctico, o acordo de demolición parcial do edificio Conde de Fenosa xerou 171 reclamacións de indemnización e 50 alegacións.Consideramos que é noso deber como administradores estudar e valorar o impacto que tanto as operacións urbanísticas de fai máis de vinte anos como os procesos de indisciplina urbanística herdados terán na cidade e por suposto, farémolo de forma responsable, isto é: velando polo interese xeral. Para iso traballaremos sen descanso por unha cidade mellor, onde o criterio sexa a calidade e non a cantidade.