Vinte voces deron voz onte a Lois Pereiro, finado hai vinte anos, nunha emotiva homenaxe no teatro Rosalía. Textos do autor monfortino, o fillo da furia, e poemas dunha vintena de poetas e escritores galegos, moitos da cidade, lembraron a figura, a obra e a repercusión do traballo artístico de Pereiro. Non quedou asento libre no patio de butacas do teatro, cedido polo Concello para un acto que forma parte da Cicloxénese cultural que recolle mostras da obra do autor en distintas cidades e que abre as Historias de almanaque sobre artistas galegos que plantexa o Goberno local.

Lino Braxe, Miguel Mato, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Xavier Seoane, Manuel Rivas, Xulio Valcárcel, Antía Otero ou Silvia Penas foron algúns dos autores e autoras que escolleron obras propias para ofrecer tributo a Lois Pereiro. O músico vangardista O Leo i Arremecághona! interpretou á guitarra tres textos do propio Pereiro, obxecto de homenaxe no Día das Letras Galegas de 2011.

O acto, no que estivo a nai de Pereiro, tivo momentos emotivos e moi aplaudidos. Os organizadores non contaban con xuntar tanto público, tendo en conta o mal tempo e o congreso do BNG.