Di a escritora Mercedes Queixas Zas, que A Coruña ten aínda nas súas pedras, a pegada da cidade liberal que foi, da vila aberta ao mar e ás ideas na que naceron as Irmandades da Fala da man dos irmáns Vilar Ponte, de xeracións pasadas e da mocidade da época que tiña un compromiso coa lingua, mais tamén coa cultura e coa política. Para lembrar o centenario da fundación das Irmandades, a autora guiará este sábado un roteiro con sete paradas, que partirá ás cinco da tarde, da rúa Álvaro Cebreiro.

Queixas non estará soa, acompañarana entre outros, Moncho do Orzán, Avia Veira, Elvira Bao e Marta Pumares, que cantará neste primeiro chanzo. A que durante tantos anos fora a rúa General mola, leva agora o nome de Álvaro Cebreiro, que foi un artista da vangarda galega que traballou no anos vinte e trinta e que, xunto a Manoel Antonio, asinou o manifesto Máis alá!. O percorrido seguirá cara ao número 36 da rúa Real, onde estivo a editorial Nós e antes estivera Lar. Aquí, os visitantes lembrarán a Ánxel Casal e a Leandro Carré, que mantiñan unha aposta polo xornalismo, pola palabra escrita en galego e polo discurso político. A terceira parada será un pouco máis adiante, no teatro Rosalía, porque, segundo explica Queixas, a maneira máis doada que tiñan para conseguir espallar a semente da defensa da súa terra, nunha época na que a maioría da poboación era analfabeta, era o teatro, de novo, a palabra falada como estandarte.

Na rúa San Agustín a comitiva deterase para ver a derradeira casa de Manuel Murguía, para amosar o fío que unía aos membros das Irmandades, que trascendía máis alá de idades e dodesenvolvemento artístico. "As Irmandades nacen arredor dun ideario común" e das arelas de reivindicaren "o popular, a tradición e a modernidade", segundo explica Queixas. A recta final do roteiro levará aos participantes á praza de María Pita, primeiro, para lembrar a Lois Peña Novo, o primeiro edil que falou galego nun pleno do Concello, e tamén ás mestras das Escolas de Insiño Galego, que daban clase no número 17 da praza, neste punto estará tamén a filla de Bernardino Varela e Elvira Bao, Elvira Varela. En Rego de Auga, no número 38, rematará a visita, no edificio que fora sede da Real Academia Galega e no que naceron tamén as Irmandades.