Os directores da Orquestra de Jazz de Galicia, Pedro Lamas e Roberto Somoza, foron os encargados de presentar onte Fame, o primeiro traballo discográfico da formación musical, no Auditorio Andrés Gaos do Conservatorio Superior.

O disco, gravado hai un ano no Auditorio de Galicia, é, como explica Pedro Lamas, "froito dun proxecto que se xestou hai cinco anos e no que colaboraron de maneira completamente desinteresada preto de 50 músicos".

O título do traballo, Fame, xorde, segundo apunta Lamas, "da conciencia que temos os galegos de sentir que a nosa cultura e a nosa música estiveron mermadas en certo xeito", e engade: "Nós tornamos esa fame histórica que se asocia con Galicia en algo positivo, entendéndoa como as ansias de amosar outra forma de facer música na nosa terra e tendo en conta a nosa tradición".

Os temas que contén o álbum, "reflicten a fusión entre a música tradicional e outras estéticas coma o jazz ou as melodías máis contemporáneas".