Dentro de tres días, o próximo mércores día 9, o noso planeta vivirá unha nova eclipse total de Sol. Un evento que se produce cando a Lúa, desde a perspectiva da Terra, agacha ao Sol; é total na zona onde cubre totalmente, e polo tanto se produce a singular experiencia dunha escuridade en horas de luz, fóra desa área resulta parcial. O do 9 empezará polo mar Índico, pasará polo Sudoeste asiático, tocará Australia e percorrerá, no seu remate, o Pacífico. Polo tanto, non será visto por estas latitudes, onde o último fenómeno similar aconteceu o 20 de marzo do pasado ano 2015 e para ver outro deberemos agardar ata o 12 agosto de 2026.

Porén hoxe quero falarlles do grande impacto que tivo na Coruña a eclipse solar que aconteceu o 30 de agosto de 1905. Porque en pleno verán herculino científicos e veciñanza partillaron unha intensa celebración, evento pioneiro no encontro entre o público e a astronomía.

Preparativos

A expectación provocada pola eclipse fixo que nos días previos diversos medios de comunicación avanzaran novas sobre o tema, informando, por exemplo, de que no instituto de ensino secundario local os catedráticos que preparaban a observación estaban revisando o reloxo da torre do mesmo, a efectos de "ter a hora o máis exacta posible". Os comentarios remataban cunha preocupación e un desexo: "Oxalá que o día non veña nubrado".

Adiantándose ao evento, o profesor mercantil Augusto Rodríguez Salgado publicou un curioso e pouco coñecido folleto de quince páxinas: El eclipse solar. Astronomía popular, editado na Coruña pola Imprenta e Litografía de M. Roel. E José Pérez Ballesteros, director do instituto, remitiu un convite en nome do catedrático de Física e Química Acisclo Campano a autoridades, persoas "distinguidas" e xornalistas para presenciar a eclipse desde a terraza do Observatorio astronómico do centro docente.

A Península Ibérica foi un lugar privilexiado para a observación. De feito houbo misións procedentes de Francia, Reino Unido, Rusia, Holanda, Alemaña, Suíza e Estados Unidos. O principal obxectivo destas expedicións foi profundar nos estudos da coroa e cromosfera solar, as zonas máis externas da estrela. O famoso astrónomo Camille Flanmarion, fundador da Sociedade astronómica francesa e grande difusor da Astronomía, realizou a observación en Almazanjel (Soria).

Unha cidade mobilizada

O mércores 30 de agosto tivo lugar a eclipse, que na Coruña empezou ás 11 horas 37 minutos e 39 segundos, rematou ás 12 horas 58 minutos e 45 segundos e foi total durante 24 segundos. Os medios dixeron que o "estado atmosférico" non resultou moi favorable, xa que na primeira parte da mañá choveu bastante e despois, no momento da totalidade, o ceo estaba nubrado, pero que o fenómeno se puido observar ben.

A Coruña viviu unha mañá singular, o acontecemento seguiuse en diversos emprazamentos, como na Torre de Hércules, onde se situaron os funcionarios de Obras Públicas, e en xardíns, rúas do centro e dos barrios. Lugares preferentes de observación foron as zonas elevadas, como os muíños de Santa Margarida ou o monte de San Pedro, e moitos aproveitaron para facer unha pequena excursión ao campo, compartindo xantar e contemplación do fenómeno.

Os cronistas contaron que cando a eclipse foi total e a luz diminuíu, percibiuse claramente, a simple vista, a coroa solar e os veciños ficaron impresionados; moitos aplaudiron. Tamén afirmaron que os animais domésticos mudaron de comportamento, os paxaros e pombas se recolleron, voaron mouchos e outras aves nocturnas e "non foron poucos os galos que demostraban a súa sorpresa cantando como se fose medianoite".

A ciencia, no instituto

O reducido espazo da terraza do Observatorio do instituto Eusebio da Guarda converteuse no centro de observación científica da eclipse e en ateigado lugar privilexiado de seguimento do fenómeno pola elite local. A memoria anual do centro educativo recolle detalles do momento e permítenos recrear o acontecido. Así, podemos imaxinarnos ao catedrático Campano, que dispuña na terraza de catro anteollos que proxectaban a imaxe do Sol sobre unhas pantallas, animando á selecta concorrencia (masculina, como adoitaba suceder naquel tempo) que enchía o espazo:

-Ollen señores!, observen nas pantallas con que claridade e precisión se distinguen perfectamente as manchas do astro luminoso, a súa magnitude e movementos!

A observación impresionou ao profesor de Física e responsable do Observatorio, que deixou escrito: "O espectáculo da escuridade total, visto desde a azotea do Observatorio, foi sorprendente e notabilísimo. A natureza non ofrece fenómeno algún co que se poda comparar".

O catedrático dispuña dun cronómetro perfectamente axustado co Observatorio de Madrid e tamén seguiu con diversos instrumentos o cambio dos elementos meteorolóxicos (temperatura, presión, vento, etc.), que tiveron lugar no momento da eclipse.Por outra banda, o profesor de Caligrafía do instituto, o pintor José Seijo Rubio, realizou un esbozo da eclipse no momento de totalidade, que, segundo os medios, "agradou en extremo a cantos o viron".

O outro científico que acompañou a Campano na terraza foi o coruñés Gonzalo Brañas Fernández, autor das observacións máis interesantes e coñecidas, pois ese mesmo ano 1905 publicaría sobre o tema un artigo técnico nos Anales de la Sociedad Española de Física y Química: Influencia del eclipse total de Sol de 30 de agosto último sobre la declinación magnética. Observaciones hechas en La Coruña.

Brañas era nese momento catedrático de Física e Química no instituto de Oviedo porén aproveitando o período vacacional residía na cidade herculina e preparou polo miúdo a experiencia, o estudo da influencia da eclipse sobre a declinación magnética, ou sexa, sobre o ángulo formado polo Norte magnético do lugar e o Norte xeográfico. Levaba case un mes facendo observacións magnéticas cun compás de declinación propiedade do centro educativo coruñés e foi axudado durante uns días por Antonio Alonso Villoldo, estudante da Facultade de Ciencias da Universidade de Madrid, de orixe cubana. Asemade, Brañas dispuña dunha máquina fotográfica cun obxectivo especial e obtivo cinco fotografías, catro da eclipse parcial e unha da total.

No artigo publicado resumiu os resultados, que indicaban cambios na declinación magnética por mor da eclipse. Nos anos posteriores seguiría interesado polo tema, en 1910 publicou na mesma revista o artigo Nuevo magnetófono de registro mecánico automático, no que explicaba que para poder estudar a relación entre os cambios da actividade solar e as variacións no campo magnético terrestre era necesario dispoñer de aparatos correctos na medición pero doados de trasladar e baratos como o que el presentaba nese traballo, pois permitirían rexistros prácticos e económicos de modo continuo e simultáneo.

Ollando ao ceo

Como dixemos, a presenza da eclipse provocou unha masiva atención cidadán. Residencias particulares, rúas e campos apareceron inzados de persoas que utilizaron toda unha gama de diversos instrumentos para poder ver o fenómeno: prismáticos de campaña e de teatro, vellos anteollos, catalexes de mar, etc. E, aproveitando a conxuntura, non faltaron numerosos vendedores de cristais afumados ou de cores que anunciaban os seus produtos.

O uso deses instrumentos e materiais na observación da eclipse tivo que ser prexudicial para a saúde ocular das persoas. A visión prolongada do Sol pode provocar danos na retina e mesmo cegueira, por iso é necesario empregar "gafas de eclipse", fabricadas expresamente para observar este tipo de eventos, nunca máis dun minuto seguido, e de venda hoxe nas ópticas a un prezoasumible.Mais en 1905 foron moitas as persoas que se arriscaron e a xente andaba coa cara, nariz e dedos tisnados polos cristais afumados e mesmo algúns que non dispuñan deles romperon vidrierias, como as dos almacéns de aduanas, e repartiron entre a xente os cachos de vidro.

Humor astronómico no porto coruñés

O seguimento masivo do fenómeno non estivo exento de anécdotas e mesmo parodias. No porto da Coruña un grupo de mariñeiros montou todo un espectáculo, construíron un peculiar "observatorio astronómico" formado por unha pequena plataforma sobre a que colocaron un trípode constituído por tres remos e no extremo dun deles puxeron unha catalexe rota e sen cristais.

Sobre esa escenografía os mariñeiros desenvolveron a súa representación. Un deles, cun cucurucho na cabeza, convidaba todo serio ao público presente a que ollara desde "o telescopio" o fenómeno solar:

-Adíante señores! Isto non se ve sempre! Vaise poñer o Sol diante da Lúa (sic) e imos ficar sen luz! Meu Deus!, a fin do mundo ou pouco menos! Arrenégote!

O "mariñeiro-astrónomo" subía de cando en vez á plataforma, facía curiosos movementos, ollaba pola catalexe, volvía a baixar con grande solemnidade e finxía anotar nun caderno o resultado das súas observacións, teatralizando a dificultade da tarefa, pois pasaba un tempo cavilando con cara seria e preocupada. Algúns incautos picaron, abonando uns céntimos e achegándose á catalexe; os inxenuos non vían nada, levaban de cheo o golpe dos raios solares e baixaban a présa e en medio das risas dos mariñeiros, que cos cartos xuntados tomaron uns viños.

A eclipse noutros puntos de Galicia

O fenómeno puido seguirse en Galicia na parte Norte das provincias de Coruña e Lugo e algo na de Ourense. En Ferrol o acontecemento tamén tivo un amplo eco cidadán, rapaces polas rúas ferroláns vendían "cristais para ver o eclís (sic)!", moitas persoas dispuñan dun cristal afumado, as tendas pecharon e no momento en que a eclipse foi total o público, que enchía as rúas, aplaudiu con emoción.

Nas inmediacións, en Narón, o enxeñeiro militar Ubaldo Azpiazu Artazu observou a eclipse acompañado de Luis Rivera, teniente de navío e profesor da Escola Naval, Carmelo Sanchiz, José Vila, Santiago Casares Bescansa, o frade Plácido Rey Lemos e o mozo presbítero Ramón María Aller Ulloa, quen anos despois se convertería na figura galega máis salientable no terreo da Astronomía.

As actividades divulgativas de astronomía

Pasado máis dun século do evento comentado hoxe en Galicia as persoas interesadas pola Astronomía poden desenvolver a súa afección en diversas organizacións dedicadas á divulgación. Así, a Agrupación Rías Baixas, de Vigo, dispón do observatorio de Forcarei e realiza actividades divulgativas e de investigación e a dinámica Asociación astronómica Sirio, de Pontevedra, utiliza o observatorio de Cotobade e desprega un potente programa de actividades divulgativas.

No caso coruñés contamos coa Agrupación Astronómica Ío, unha entidade constituída en 2002 en base á inquedanza dun grupo de afeccionados e aberta ás persoas que sintan, segundo di a súa páxina web, "pasión por la astronomía y ganas de salir a observar un buen cielo estrellado". Borja Tosar foi un dos trece iniciadores, e durante anos constituíu, con Óscar Blanco, o motor da asociación. Este traballador da banca, físico cun máster en astrofísica, que se define como "estreleiro", iniciou esa vocación na súa vila natal, Sarria, "onde se ven as estrelas que flipas". Deixou a xunta da Agrupación Ío hai catro anos mais continúa con diversas e numerosas iniciativas divulgativas. Entre elas salientan as "Postales Planetarias", unha especie de orixinais "monólogos astronómicos" que mesturan ciencia e humor, incluídos nas sesións que a fins de mes se celebran na Casa das Ciencia, El cielo para enterados.

A día de hoxe a Agrupación Ío conta con 116 socios, sendo mulleres un 43%, e está presidida por Xoán Cardelle, excontable. A entidade desenvolve accións divulgativas que inclúen conferencias e charlas, observacións en diversas contornas, excursións e roteiros; os venres máis próximos á Lúa crecente realizan observacións abertas ao público. Un dos temas que preocupa aos actuais xestores é o da contaminación lumínica; cuestión que abordaron nos últimos meses cos novos responsables do Concello coruñés, grupos políticos do Parlamento galego e a vicepresidencia da Deputación provincial. Óscar Sánchez (crítico cinematográfico coñecido como Martin Pawley), responsable de prensa da agrupación, explicounos a gravidade do tema, como o impacto da luminosidade artificial limita as posibilidades de observación astronómica, supón un despilfarro de cartos e ten efectos negativos para o medio ambiente e a saúde.