A formación do profesorado e a mellora da convivencia nos centros escolares de Galicia son os obxectivos principais do programa Educación Responsable implantado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación Barrié e a Fundación Botín. Galicia incorpórase a este proxecto con 14 centros, 176 profesores e máis de 2.800 alumnos de entre tres e 16 anos. A iniciativa implántanse en cada centro durante tres anos. No primeiro trabállase o módulo afectivo, no segundo o social e no terceiro a creatividade. O programa inclúe a formación de profesores, que logo forman a outros docentes do centro para no terceiro ano aplicar o programa na aula con materiais e traballos específicos. O CEIP A Fraga de As Pontes afronta este curso o segundo ano do programa e os oito docentes que recibiron a formación o ano pasado ensinarán a outros cinco para que o próximo curso a iniciativa chegue a todo o claustro integrado por 17 profesionais. O director do centro, Manuel Vázquez, destaca que o profesorado precisa esa formación previa, tanto cos materiais que lles proporciona a Fundación Botín para despois adaptar esas ideas e aplicalas co alumnado. Vázquez destaca que os alumnos aceptan "encantados" o programa porque explora as emocións con actividades lúdicas a través da literatura, a arte e a música e mellora a interacción entre eles.