Diego Calvo Presidente do PP provincial na Coruña

"A corrupción lévanos feito moitísimo dano, máis que as medidas contra a crise"

"Agora o PP é o partido que máis se parece a Galicia; se en trinta ou corenta anos outras formacións o fan ben e nós nos equivocamos seguido, igual xa non é así"

17.03.2016 | 13:31
Diego Calvo, no Congreso do PP, en Palexco.

Diego Calvo vén de ser elexido como presidente do PP na provincia da Coruña, defende as siglas do partido, a pesar dos casos de presunta corrupción, e cre que é tempo de solucionar erros pasados.

-Como afronta esta nova etapa á fronte do PP provincial, unha máis na súa vida política?

-Con moitísima ilusión, con moitas ganas de non defraudar e de poñernos a traballar e, sobre todo, co horizonte das eleccións autonómicas, que serán aproximadamente en outubro.

-É o grande obxectivo do PP provincial recuperar as grandes cidades nas autonómicas logo de telas perdido nas municipais?

-O obxectivo é volver a ilusionar a toda a xente que, nun momento dado, amosou o seu apoio ao PP. Queremos que os afiliados se convertan en verdadeiros militantes e, a partir de aí, os resultados empezarán a chegar. Temos que contar cun partido unido, e moi activo nas xuntas locais.

-Como decide as persoas que forman a executiva. Por exemplo, que vaia Rosa Gallego de número 2 a pesar dos malos resultados electorais das municipais?

-Na executiva hai de todo, xente nova que nunca estivo na primeira liña política, outra que xa leva tempo... No caso de Rosa Gallego, escollina porque quero ter unha persoa coma ela ao meu lado, é moi importante na cidade, leva a oposición no Concello, onde nos tocou estar agora. É unha persoa moi válida e estou seguro de que non me equivoco. Hai xente que era afiliada desde hai tempo e que agora quere dar un paso adiante e a min iso éncheme de orgullo, agora que os tempos son máis complicados.

-Está Rosa Gallego, está Ernesto Anido, pero non está Carlos Calvelo, que acadou maioría absoluta en Arteixo, por que?

-Calvelo está. En Arteixo temos á nosa presidenta local, Isabel Vila, que vai ocupar unha secretaría de área que para min ten un especial peso, porque é a que se encarga da atención ao afiliado. Calvelo vai estar tamén no comité executivo, entre os vogais, como outros alcaldes.

-Logo das eleccións municipais, algúns alcaldes das vilas dicían que o PP non soubera facer política de cercanía nas cidades, están infrarrepresentados os concellos pequenos aínda que consigan mellores resultados?

-Eu creo que non, seguen tendo moitísimo peso e sábeno os alcaldes. É certo que, á hora dunhas eleccións, as cidades teñen máis número de votos e nós imos contar tanto coa experiencia da xente da cidade como coa da do rural. O rural é o xermolo do nacemento do PP, durante moitísimos anos tivemos resultados moi bos no rural, sen que nos acompañasen os das cidades. Eu creo que un partido moderno non pode facer esa diferenciación e ten que apostar por unha política que se entenda en todos os sitios. Imos ter que correxir aquilo que non saíu todo o ben que queriamos e aprender uns dos outros.

-Cales foron esas cousas que non saíron ben?

-Creo que nos faltou comunicación. Na Coruña hai case 5.000 afiliados e temos que estar perfectamente comunicados entre nós e cos cidadáns, que aínda que non sexan militantes, son votantes. Temos que contarlles o que fixemos e cal é o día a día das nosas decisións. Imos intentar mellorar de cara ao futuro.

-Non resulta complicado a día de hoxe defender o PP e as súas decisións cando está tan luxado polos casos de corrupción e até cun presidente que non se presenta ao debate de investidura porque non ten os apoios precisos para formar goberno?

-Deféndese ben. A un cando lle toca defender ao PP, non ten que pensar que se está defendendo só, senón que detrás dese partido hai sete millóns de persoas que pensan exactamente igual ca nós. Ás veces caemos en discusións, e parece que somos só uns poucos, pero non é certo, somos o partido maioritario, en España e en Galicia, aínda que é verdade que non é o mesmo que noutras ocasións. Rajoy non se presentou á investidura porque non tiña os apoios necesarios. Afortunadamente vai pasando o tempo e decatámonos de que no caso de Pedro Sánchez só miraba para el e veu á Coruña para falar con quen lle podía solucionar parte do seu, co alcalde. E, de paso, para facerlle unha mala faena aos compañeiros do PSOE da Coruña e doutras cidades.

-Aínda sendo os máis votados, o electorado castigounos polos casos de corrupción.

-É un problema que nos leva feito moitísimo dano, máis que as medidas contra a crise. Témonos que esforzar en explicar e en sermos contundentes. Temos que ser, á vez, xustos coas persoas, porque pode pasar coma no caso dos concelleiros de Santiago, que foron acusados e declarados inocentes por outro xuíz. Hai que ter a cabeza máis fría ca nunca, e centrarse ben no que temos que facer cada un na súa casa.

-Na súa intervención o sábado falaba de chavismo e reivindicábanse desde o PP como "xente do común", aínda así, as enquisas falan de que os resultados electorais non cambiarían moito de ter outras eleccións, cre que é efectivo ese discurso?

-Non temos que entrar en determinados marcos de discusión nin dar por boas as críticas que fai algún partido. O PP naceu en Galicia, nos nosos pobos, está formado por un montón de xente de todo tipo e condición, sempre foi así e, se non o fose, non seriamos o partido maioritario. Aos que me veñen dicindo que o partido do pobo é outro, dígolles: "arrieros somos e xa nos encontraremos". Nós temos representación nos 93 concellos, gobernamos en moitos deles con maioría absoluta, noutros non gobernamos, pero temos unha maioría relativa, nalgúns por 30 votos, polo tanto somos o partido máis asentado en Galicia. Eu sei que hai xente á que non lle gusta que digamos que o PP é o partido que máis se parece a Galicia, síntoo, pero é unha realidade. Se dentro de trinta ou corenta anos, outros partidos o fan ben e nós nos equivocamos seguido, igual xa non é así.

-O sábado deixaron claro quen querían que fose o candidato ás autonómicas.

-Feijóo é o mellor candidato que temos, non hai ninguén que pense o contrario.

-Que lle parece Alfonso Rueda como candidato, xa que ocupa o mesmo cargo ca vostede, pero en Pontevedra?

-Eu sigo esperando que o noso candiato sexa Feijóo. A min Alfonso tamén me gusta.

-E Rey Varela?

-Gústanme todos.

-No seu discurso atacou o sábado sobre todo ao PSOE e ás Mareas, dan por morto ao BNG?

-Non o damos nós, danse elese mesmos. Están enganados na súa traxectoria, levan moito tempo parados e non son quen de endereitar o rumbo. Pode ser que se presenten, pero non son a nosa preocupación.

-Aínda así está na vicepresidencia da Deputación da Coruña, que antes tiña o PP.

-A Deputación non nola quitaron eles, o BNG e o PSOE non teñen maioría, pese a dicir que querían eliminalas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine