Unha oferta cultural inclusiva e didáctica

A octava edición das Xornadas sobre a Inclusión Social e a Educación nas Artes Escénicas chegará en abril cunha variada programación

15.03.2016 | 01:07
Representantes das entidades que participan na organización das xornadas, onte no Concello.

A cidade será o centro estatal da oitava edición das Xornadas sobre a Inclusión Social e a Educación nas Artes Escénicas entre os días 20 e 22 de abril. O programa, presentado onte no Concello, arrancará o día 20 coa representación, no teatro Rosalía de Castro, de Las muchas, unha montaxe dirixida por Mariantònia Oliver e que parte dun traballo previo feito con mulleres da Coruña. A esta obra seguiralle o día 21 a posta en escena do espectáculo Vida laboral, unha peza dirixida por Claudia Faci na que participará un grupo de homes da cidade maiores de 60 anos en situación de xubilación ou prexubilación, unha participación para a que as inscricións permanecen abertas.

As propostas escénicas estarán complementadas por unha serie de ponencias que terán lugar polas mañás no teatro Rosalía e por obradoiros teóricos e prácticos que se levarán a cabo en diferentes espazos da cidade, como a Casa Museo Casares Quiroga, o Kiosco Alfonso, a Fundación Luis Seoane ou o Teatro Colón.

Estes talleres estarán enfocados ao desenvolvemento da creatividade, a construcción da identidade cidadá ou aos procesos de xentrificación, xuventude ou integración das migracións, e serán impartidos por profesionais das artes escénicas coma Santiago Cirugeda, Arístides Vargas, Jean-Frédéric Chevallier ou Xesús Ron e Patricia de Lorenzo, membros da compañía galega gañadora do Premio Nacional de Teatro 2014.

Tódas as actividades estarán destinadas a promover a relación das artes escénicas e a música coa comunidade, entendida esta última coma "a recuperación da memoria individual que conforma a colectiva", tal e como expuxo o director do Teatro Rosalía, Xosé Paulo Rodríguez, na presentación do evento.

A organización das Xornadas sobre a Inclusión Social e a educación nas Artes Escénicas corre a cargo do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música e doutras sete entidades de España, que contan coa colaboración do Concello e da Xunta. Ofertan un total de 200 prazas para participar nas xornadas. As inscricións poderán realizarse de forma gratuita ata as 12.00 horas do venres 8 de abril a través do sitio web www.mecd.gob.es.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine