Segundo os datos do Concello, localízanse na zona da Cidade Vella e a Pescadería 2.931 viviendas baleiras, que representan un 38,85% das 7.544 existentes nese ámbito -o Distrito 1-, unha porcentaxe que supera con moito a dos outros distritos da cidade, nos que se sitúa entre o 7,10% e o 26,04%. O carácter histórico desta zona supón ademais que gran parte das súas edificacións estean protexidas polo planeamento urbanístico. A perda de poboación que supoñen as vivendas agora baleiras, que pode estimarse en 7.500 persoas, máis da poboación de todo o termo municipal de Carral, non ten soamente repercusión na conservación do patrimonio, senón tamén noutro aspecto poucas veces considerado: o comercio e os servizos de proximidade dificilmente dispoñen da densidade de poboación necesaria para o seu sustento, máis aínda cando ese ámbito presenta tamén o meirande índice de envecellemento de toda a cidade.

Esta situación, á que teñen colaborado ademais os moitos anos de suspensión de licenzas orixinada pola revisión do planeamento urbanístico, faise especialmente grave na zona do Orzán, na que os procesos de despoboación e deterioro, comúns nas zonas históricas de moitas cidades, e que teñen xa chegado á derruba dalguna edificación, son á vez causa e efecto nunha espiral de degradación que non pode deterse sen unha actuación decidida e capaz de xerar a súa revitalización e rexeneración, tanto no aspecto físico como no social.

Estas condicións, e as particulares vantaxes que esta zona presenta para acoller poboación universitaria, fundamentaban a proposta de reutilización de edificacións deterioradas ou desocupadas como aloxamentos para estudantes e profesores, presentada hai tres anos ante o Concello, que posibilitaría ademais tanto unha meirande integración da vida universitaria na cidade como a xeración dun importante campo de traballo na rehabilitación arquitectónica e recuperación do patrimonio construído.

Pouco despois da presentación deste proxecto, o grupo municipal socialista no Concello presentou unha iniciativa aparentemente semellante, trasladando a súa localización ao barrio dos Mallos, que volve actualmente a plantexar para a súa incorporación aos orzamentos municipais.

Esta proposta, que fronte á oportunidade real de recuperación e rexeneración dunha zona histórica supón a utilización do potencial que representa a poboación universitaria como oportunidade de negocio, representa unha mostra máis da frecuente utilización política das actuacións urbanísticas, obedecendo antes a outros intereses ou comenencias cá súa verdadeira necesidade e utilidade para a cidade e os cidadáns, que de sobra ten demostrado xa os seus resultados.