David Pena Responsable do Consello Local do Bloque Nacionalista Galego

"No BNG fuximos de que as grandes decisións as tome unha persoa soa"

"O nacionalismo non é tocar a gaita e recitar poemas. É algo que garante o benestar do pobo. É decidirmos aquí sobre o que pasa aquí"

03.04.2016 | 01:52
David Pena, en Riazor.

-Saíu reelixido como responsable do Consello Local do BNG, como funciona este órgano?

-O Consello Local é o órgano de dirección política do BNG na cidade. As liñas mestras da orientación política decídense na Asemblea Local, que nos últimos tempos é xa aberta con participación moi activa, tanto cuantitativa como cualitativamente de persoas que non son militantes, que non teñen carné do BNG. A esas decisións váiselles facendo seguemento e materialización a través do Consello Local e do propio grupo municipal. Hai que entendelo como moi ligado á Asemblea Local, porque somos un movemento asembleario, pero o asemblearismo non pode ser permanente.

-No discurso logo de ser reelexido falaba da refundación do BNG e tamén de "actualizar o discurso" da organización, como van artellar esa nova etapa logo dos resultados electorais que non foron bos nin nas municipais nin nas xerais?

-Isto enmárcase dentro do proceso Adiante, que é un proceso no que, sendo conscientes de que os últimos resultados electorais foron negativos sen paliativos, nos leva a facer unha parada no camiño e a pensar en que cousas temos que mellorar e actualizar para volver ser unha referencia social e electoral en Galicia. Non se trata tanto de actualizar o discurso, como si de sermos máis pedagóxicos á hora de transmitilo. Está todo sobre a mesa menos o que son os principios fundacionais. O nacionalismo non é obxecto de debate. O importante é sermos capaces de explicar a necesidade do nacionalismo como ferramenta para mellorar a vida da xente. Con esta idea queremos ilusionar e artellar unha nova maioría social.

-Por que é necesario o nacionalismo?

-O déficit de infraestruturas que ten este país con respecto a calquera outra do Estado español é unha cuestión de dependencia política, así como a desindustrialización e o que pasa cos nosos sectores produtivos. O benestar da xente é maior ou menor en función de se as políticas son atinadas ou non para a concreta situación do país. Por iso pensamos que o nacionalismo está máis vixente ca nunca. Estamos nun momento no que gobernan cúpulas oligárquicas que non foron elexidas por ninguén, a única maneira de poñerlle fronte é a soberanía. O nacionalismo non é unha cuestión identitaria, non é tocar a gaita e recitar poemas, é algo que garante o benestar do pobo, porque se toman as decisións aquí atendendo as necesidades de aquí.

-A que retos se enfronta o Consello Local na cidade nestes catro anos de lexislatura ademais dos que xa ten de seu coa reformulación?

-O elemento primeiro e creo que é fundamental é o de garantir que haxa uns orzamentos que atendan ás necesidades reais do pobo. Estamos sendo gobernados cos orzamentos prorrogados do PP e iso imposibilita calquera política transformadora e beneficiosa para as maiorías sociais. O BNG leva traballando moito e con moita sinceridade e franqueza desde o inicio, porén, hai unha situación de total e absoluto bloqueo. Xa non quero falar a un ano vista ou a catro.

-Hai moitas caras coñecidas nunha lista que non tivo alternativa, foi un paso consciente?

-Foi unha lista de consenso. O que intentamos era que fose unha lista moi plural a todos os niveis, que houbese xente con experiencia xa en xestión municipal e en política institucional. É fundamental que haxa equilibrio entre a integración de persoas novas e con experiencia. Isto garante tamén o relevo xeracional. Hai xente que procede de campos como o social e outras que se integran no Consello Local e que non son militantes do BNG e que forman parte do movemento veciñal, vinculadas á memoria histórica, unha persoa que entra a través das asembleas locais. Así que unha persoa sen carné de militante do BNG vai estar nun órgano de dirección. Pensamos que é moi positivo porque nos enriquece, porque é xente que ten outro tipo de bagaxe no ámbito social, sindical, veciñal e que se complementará coas persoas que xa estiveron no Goberno, como no caso de Xosé Manuel Carril, María Xosé Bravo ou da propia Avia Veira, que segue a ser concelleira.

-O poder de decisión do BNG no Concello, cunha soa representante non é moi grande, como se toman as decisións que despois levará ao pleno Avia Veira?

-Reunímonos antes das celebracións dos plenos e tomamos as decisións que, despois, se trasladan ao pleno en forma de rogos, preguntas ou mocións. Iso é o habitual. A posición política do BNG en canto aos orzamentos, por exemplo, foi contrastada no propio Consello Local. Fuximos de que as grandes decisións políticas sexan tomadas por unha soa persoa, inténtanse colectivizar o máis posible.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine