Tiveron que pasar catro anos e a celebración do vixésimo aniversario do Fórum Metropolitano por medio para que a cidade volva a ser a capital do humor máis retranqueiro durante unha semana. O ciclo Monólogos no Fórum regresa o día 5 de abril, con funcións até o día 9 do mesmo mes. O mestre de cerimonias será o narrador Quico Cadaval, clásico nas lides dos contacontos enxebres, que pilotará a primeira das cinco actuacións previstas que terán lugar ás 20.30 horas en días consecutivos.

Din que o viño mellora co tempo, e escoitando ao organizador do ciclo Monólogos no Fórum, Ramiro Neira, parece que esta nova edición ten ansias por chegar con máis forza ca nunca. Coma el mesmo afirma: "Son un namorado do Fórum Metropolitano, xa que foi un espazo que me marcou profesional e persoalmente, e este ano decidín recuperar unha proposta que funcionou moi ben en anteriores edicións, polo que agardo que volva formar parte da programación regular deste espazo".

Se nos seus inicios a programación de monólogos era levaba a cabo na entrada do Fórum, agora as risas trasládanse ao seu auditorio, un espazo que permite ao público disfrutar das historias narradas por algúns dos mellores expoñentes do humor galego ao tempo que acompaña as súas gargalladas con algunha bebida ou aperitivo.

O contacontos ribeirán Quico Cadaval, encargado de inaugurar a edición do ciclo celebrada con motivo do cuarto de siglo do Fórum, ten preparada para a súa actuación unha antoloxía do seu repertorio de contos que foi escribindo ao longo da súa "xira mundial inacabada", como el mesmo describe as súas máis de dúas décadas sobre os escenarios. Cadaval, unha das figuras de referencia da escena galega, describe as fontes de inspiración das que bota man na elaboración dos seus contos: "Eu non escribo, son partidario da idea de que as historias están todas por ahí, e non tes que escribilas senon escoitalas". E engade: "Moitas veces parten dunha pequena anécdota que che contan no transporte público, ou de alguén que te pregunta algo da túa vida que ata entón nunca te plantexaras". Para Quico Cadaval, o humor non é un fin, senón "un medio para conseguir xerar un maior interese por parte do público".

O humorista Víctor Grande será quen peche o ciclo o día 9 de abril. Grande, curtido nos pequenos escenenarios e que acadou un recoñecemento a nivel nacional tralo seu paso polo programa Tú sí que vales, será o encargado de botar a chave aos Monólogos no Fórum o 9 de abril cunha actuación na que mesturará "monólogo de humor con canción satírica e interacción co público". O humorista, que compaxina a súa carreira sobre os escenarios coa súa labor como mestre en cursos de escritura de monólogos e posta en escena para xente amateur no centro Ágora, afirma sobre a pola humorística de Galicia: "Nas clases que imparto vese que hai un potencial cómico brutal en Galicia, temos un humor que aínda está por descubrir no resto de España, un humor retranqueiro mesmo con triple sentido, que parece que vai nos xenes. Sempre hai alumnos que acaban dando actuacións durante unha tempada".

As ferramentas humorísticas de Grande sobre o escenario, aínda que dispoñen dunha preparación previa -consistente en presentar un mesmo espectáculo en diferentes salas para que este adquira unha rodaxe que lle permita contar cun guión preestablecido-, contan cunha porcentaxe de improvisación que, coma o artista afirma, lle permite "xogar co público" adaptándose "ao que aconteza en cada momento, xa que nunca sabes os espectadores aos que te vas enfrontar en cada momento". O monologuista, que adoita incluir referencias á actualidade nos seus espectáculos, afirma que o humor político tan de moda nos tempos que corren "dura moi pouco xa que os acontecementos son moi efémeros".

Pola area do Fórum tamén desfilarán Pepo Suevos, "un dos humoristas máis rodados do mundo dos monólogos en Galicia", que tomará o relevo de Cadaval o día 6 de abril; Paula Carballeira, adicada ao teatro e a narración oral dese o ano 1992, que actuará o día 7 de abril; e Cándido Pazó, un autor polifacético "con querencia polo conto tabernario ou de tertulia", que presentará o seu espectáculo o 8 de abril.

O artífice da xuntanza de cinco dos mellores expoñentes do humor da nosa terra, Ramiro Neira, satisfeito coa acollida que esta iniciativa tivo por parte do público nas súas pasadas fornadas, afirma que "os datos da venda anticipada que se recolleron até o de agora, permiten agardar unha repetición dos éxitos das pasadas edicións na deste ano ". Atendendo a este éxito dun dos ciclos estrela do Fórum, non é de extrañar que o espazo decidira rescatalo para soplar dúas décadas ateigadas de aplausos, sorrisos, lembranzas e difusión da cultura na cidade.

Ademais da celebración do ciclo de monólogos, o Fórum conta, na súa programación para este mes, con numerosos espectáculos musicais e teatrais destinados a todo tipo de públicos, coma é o caso de Todo me fala de ti, unha proposta musical que terá lugar o 10 de abril ás 12.00 horas e que vestirá con música de diferentes estilos os versos do poeta Manuel María, homenaxeado na próxima edición do Día das Letras Galegas, ou de Sueños de arena, un espectáculo multidisciplinar que fusionará a creación de arte con area o circo e a música en directo. As entradas para asistir a cada un dos espectáculos de Monólogos no Fórum teñen un prezo xeral de 7 euros, con desconto dun euro a persoas con carné xove, desempregadas ou maiores de 65 anos. A venda anticipada, dispoñible ata o día anterior de cada actuación ten un custo de 5 euros.