A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de ultimar o protocolo de protección de datos persoais, unha guía de referencia para os centros escolares a través da cal se busca dar resposta ás dúbidas nesta materia ás que se enfrontan directores e docentes, e que atinxen a cuestións como o tratamento de imaxes, a xestión dos datos persoais en caso de proxenitores non unidos por vínculo matrimonial, o uso de cámaras de videovixilancia e a cesión de datos. O documento aborda pautas dirixidas á comunidade educativa para dar maior seguridade xurídica a todos os axentes implicados na xestión e tratamento dos datos persoais. O protocolo pretende tamén dar resposta ás dúbidas no que atinxe ao uso de imaxes en páxinas web e blogues dos centros. Lémbrase que nestes casos o consentimento non pode ser xenérico, senón que haberá que recadarse para cada fin concreto. No caso dos sistemas de videovixilancia, estes deben colocarse respectando os dereitos dos usuarios do centro e atendendo á súa finalidade de garantir a seguridade. É dicir, non se deben instalar cámaras nas aulas, nos aseos, vestiarios ou ximnasios. Outro dos aspectos que máis dúbidas suscitan é o dereito á información dos proxenitores non unidos por vínculo matrimonial ou análogo. Para tal fin, o protocolo inclúe consideracións partindo de que ambos proxenitores, a non ser que se atopen xudicialmente privados da patria potestade, teñen dereito a recibir información sobre o proceso educativo do seu fillo ou filla.