Comezaron hai tres anos a poñerlle historia ás rúas do barrio da Agra do Orzán, a indagar e soterrar o nariz nos libros e nas redes para saber quen era Gregorio Fernández, quen Francisco Antonio Mourelle de la Rúa e como sería o barrio décadas atrás para ter herdado nomes como Agramela, Entrepenas ou Canceliña. A asociación de Veciños da Agra do Orzán comezou co proxecto Ruar hai tres anos e do medio centenar de viais que ten o barrio, aproximadamente, uns trinta teñen xa documentada a súa razón de ser.

Conta o presidente da entidade, Ricardo Seixo, que o seu obxectivo con esta iniciativa é que tanto os veciños que levan toda a vida vivindo na Agra como os que acaban de chegar, poidan coñecer un pouco máis o barrio, así que colocan carteis verdes cunha breve referencia da vida do astrónomo, crego e matemático Ramón María Aller, do compositor da música do himno galego, Pascual Veiga, ou do escritor dramático Galo Salinas. Algunhas veces, a información está pegada á parede, outras, entre dous negocios que deron o seu permiso para teren este alto no camiño e, algunhas outras, como no local de mobles Mahía, hai uns vinilos pegados no escaparate, ao resgardo da choiva e do frío.

Di Seixo que, en todo este tempo, só faltou unha vez un cartel, un dos moitos da rolda de Outeiro. Desapareceu cando os comerciantes eran os encargados de, cada día, sacaren os cabaletes coa información á rúa, e de recollérennos pola noite. Daquela época, sobreviven uns sete murais informativos que foron trasaladados das rúas ao mercado das Conchiñas, onde se poden visitar no tránsito das escaleiras.

Non é a única actividade que fai a asociación co gallo de dar a coñecer a historia que esconde o rueiro, xa que, ademais destes carteis verdes, a entidade fai marcapáxinas e, este ano, tamén calendarios que renden homenaxe ao veciño Manuel María, o poeta da Terra Chá que elixiu A Coruña para pasar os seus derradeiros días. É a el a quen, este 2016, se lle dedica o Día das Letras Galegas.

"Queremos levarlle os marcapáxinas aos colexios, para que os rapaces algo maiores, os de sexto de Primaria, coñezan as rúas do barrio e que busquen a súa", explica Seixo, que recorda especialmente, un dos casos que lle aconteceu cun comerciante cando lle pediu permiso para colocar o panel informativo. "Un día, seica estaba en Portugal, preguntáronlle o enderezo e dixo que vivía en Luís de Camões, entón, o portugués preguntoulle se sabía quen era, el díxolle que non e creo que lle empezou a dicir que era como a nosa Rosalía de Castro", lembra Seixo.

Nas rúas da Agra non perviven símbolos franquistas afectados pola lei de memoria histórica. As rúas Fuente Álamo e Julia Minguillón, que aínda non teñen os seus carteis explicativos, son dúas das que podían ter algo de dúbida e que, finalmente, poden permanecer no nomenclátor da cidade. Fuente Álamo porque foi un lugar no que, segundo investigou a entidade veciñal, houbo un enfrontamento na guerra civil e morreron combatentes dos dous bandos, e Julia Minguillón porque ten a rúa polo seu labor artístico, como pintora, e non por ter sido afín á Falanxe.

Camiñando polas rúas da Agra pódese debuxar un retrato de como era este barrio antes de ser o máis poboado da cidade, con pequenas aldeas, como Nelle ou Outeiro, con penedos e campos de cultivo.

Agramela "fai referencia a un camiño vello que unía a rúa" co lugar da Agramela "ao pé do Loureiro, na freguesía de San Pedro de Visma". A Agra da Bragua ou Bragúa fala dunha terra de cultivo que existía nesta zona. Este campo estaba unido polo camiño A Viña do Perruqueiro, cos lugares de Infesta, Nelle e Outeiro, xa próximos ao actual barrio dos Mallos, lembra o almanaque da asociación.

Conta Seixo que unha das sorpresas que levou ao facer esta investigación do quen é quen no rueiro da Agra do Orzán, foi que Gregorio Hernández é, en realidade, o escultor barroco Gregorio Fernández, un artista moi recoñecido en Valladolid, aínda que co seu nome real, e non o castelanizado que recolle o nomenclátor coruñés.

A segunda parte deste proxecto está agora en poñerlle historia ás rúas dos mosteiros, porque moitos dos seus veciños non saben onde están nin en que estado se atopan estas construcións.

Di Seixo que é un proxecto facilmente exportable ao resto da cidade e do que se podería facer cargo directamente o Concello, xa que, por un pequeno custo, se pon de relevancia a historia da Coruña.