Resulta patente que a opinión pública desta cidade ten sobrados motivos de desconcerto e inquietude cando rememora os feitos máis destacados dos últimos meses. Moitos dos problemas irresoltos acumúlanse, cada vez son máis notorias as diferenzas entre o Goberno Municipal e a oposición, mentres ningún deles logra ofrecer un proxecto atractivo capaz de truncar a tendencia deica a degradación económica, social, política e moral que as decepcións e a crise económica poñen en primeiro plano.

Dende esa perspectiva, o conflicto urbanístico derivado da última sentenza do Tribunal Supremo na que obliga a demoler na súa totalidade o edificio Conde de Fenosa representa a punta quente dun iceberg cuxa profundidade e cada vez maior. Fronte a isto chama a atención o silencio, consciente ou inconsciente, de quen ostentaba a Alcaldía e a ponencia de Urbanismo en 1997, ano no que o Concello concede a Fadesa a licenza preceptiva para modificar o uso do inmoble, circunstancia que lle permitiu á promotora incrementar o volume construído en 2.500 metros cadrados, vulnerando así o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da época.

O exemplo do edificio Conde de Fenosa é do todo ilustrativo dunha política urbanística baseada en grande parte nun conglomerado de intereses apoiado no vértice dun poder político personal monopolizado por Francisco Vázquez. Fadesa estaba alí e intentou sacar proveito. Sabido é que a promotora naquela etapa conservaba unha notable vitalidade e influenza nas decisións que emanaban dende o Pazo de María Pita. Isto sábeno os concelleiros da época, ou presumen de sabelo, aínda que a algúns lles falte a decisión de ser consecuente coa análise.

As responsabilidades no caso do edificio de Unión Fenosa deben ser aceptadas por quen outorgaron unha licencia contraria ó planeamento urbanístico da época, asumindo mesmo o risco, se fora preciso, de facelas efectivas dende o poder municipal. O Goberno Municipal atópase caseque na mesma tesitura que fai dous anos os seus predecesores, pero cada vez con menos tempo por diante e coa posibilidade nada desdeñable dunha crise municipal que dificultara a resolución da cuestión.

Polo demais, o artigo publicado esta semana neste xornal polo denunciante das irregularidades cometidas no Conde de Fenosa é un monumento á teoría do cidadán que desvelou a situación mesmo na fase de rehabilitación do edificio, cando poderían ser corrixidas, e a que ninguén lle fixo caso. Sería mesquiño non darlle o recoñecemento público que se está gañando mentres outros prefiren calar.