Non a todos os estudantes lles gusta facer os deberes na casa. Non todos os mestres son partidarios de prescribilos aos seus alumnos. E non todas as familias acollen de bo grado que os seus fillos teñan que adicar máis tempo ás tarefas escolares despois das horas que pasan nas clases. O debate sobre a utilidade e conveniencia dos deberes refórzase nos últimos anos con posturas a favor e na contra desde distintos eidos da comunidade académica. Sobre iso investiga un grupo de profesores da Universidade da Coruña (UDC) desde 2013. O seu traballo, titulado Relación entre deberes escolares e rendimento académico, continuará polo menos ata 2017. Antonio Valle Arias, responsable do departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da UDC, dirixe o traballo.

-Deberes si ou deberes non?

-É mellor facelos que non facelos. Non podemos caer na ilusión de pensar que só coa presenza do alumno na aula, que é unha parte importante da aprendizaxe, xa está todo feito. Hai outra parte clave que ten que ver co traballo do alumno.

-Son máis aplicados os nenos e nenas que fan máis deberes que os que non os fan?

-Temos datos que nos din, que nos dan pistas sen entrar en detalles, que aqueles rapaces que fan deberes teñen un mellor rendemento académico e que o seu traballo na escola se ve favorecido.

-Que din os datos?

-Hai matices, moitas variables, é difícil abordar o tema e facer unha radiografía exacta. Hai moito debate en España sobre os deberes e semella que todo o mundo pode falar deles como fala de política ou fútbol, pero hai moi pouca investigación empírica. Os datos dependen das tres patas que teñen implicación nos deberes: mestres, alumnos e familias. Hai variables de tipo motivacional, ou relacionadas co rendemento previo dos alumnos, de xeito que os que van ben na escola xeralmente son os que lle sacan máis partido aos deberes e redundan nun bo traballo académico futuro. Aí é onde cumpre un papel esencial o profesorado.

-Como deben ser uns deberes ben mandados?

-Entendemos que a prescripción de deberes ten que ter un referente na atención á diversidade do alumnado e non poñer os mesmos a todos os alumnos. Non falo de deberes individualizados, pero sí variacións nas tarefas por grupos, é dicir, adaptar o ensino aos problemas e motivacións dos alumnos.

-Hai que se lle esixir tamén aos mestres?

-Non vale que o profesor prescriba deberes e punto, ten que haber un feedback, que o profesorado axude á realización dos deberes. Debe de estar moi centrado nos casos onde os alumnos teñan moitas dificultades para facer os deberes ou os fagan mal ou non entendan o que se lles pide. Deben dar apoio emotivo e motivacional ao rapaz. E iso é complicado tendo en conta que o profesorado está sobrecargado con moitos alumnos por aula.

-Cambia moito a responsabilidade dos alumnos de asumir deberes segundo se fan maiores?

-Sí. Estudamos a variable do tempo que adican a facer os deberes e o aproveitamento dese tempo. Comprobamos que, aínda que sexa unha obviedade, máis tempo non sempre é mellor. A clave non está tanto no tempo senón no seu aproveitamento. E aí mesmo hai outras variables que dependen do alumno, como a percepción da utilidade dos deberes que se lle mandan.

-E as familias do seu estudo, que pensan dos deberes?

-O proxecto ten as súas limitacións. Recollemos información directa dos pais a través de preguntas e cuestionarios, pero son reacios a dar información.

-Reparan en que hoxe os pais e nais semellan menos rigurosos á hora de pedir deberes?

-Non temos eses datos, pero sí sabemos que na implicación familiar é máis eficiente o apoio aos fillos que o mero control e supervisión cando fan os deberes. Ten que ser apoio afectivo e motivacional.

-As novas tecnoloxías desvirtuan a organización dos deberes?

-Non hai que ser estrito. Se cadra teñen que cambiar as pautas ou a modalidade de deberes e debe terse en conta o factor motivante das tecnoloxías e as redes sociais.