Camilo de Dios Nomeado Republicano de Honra pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica

"Daquela non eramos nada, mais tiñamos unha rebeldía polas inxustizas que viamos"

"Fixen os 17 anos na Comandancia do Cuartel da Garda Civil. Botei alí 59 días. Sen avogados, sen ver a ninguén, sen bañarme, sen lavarme, sen cambiar a roupa"

12.04.2016 | 01:10
Camilo de Dios, cunhas botas que pertenceron ao seu irmán Perfecto, executado no ano 1950.

A vida de Camilo de Dios estivo sempre marcada pola política. Cando estourou a guerra no 36, os seus pais escaparon a Portugal. Eran comunistas e "daban vivas a Rusia". O seu irmán Perfecto foi para a casa da avoa paterna, ao outro irmán acollérono os padriños e, a el, os irmáns da nai. Agora, este home, nado en Sandiás (Ourense) que estivo escapado xa aos doce anos por terlle pegado á xefa da Falange, ten 83 anos e vén de ser distinguido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica como Republicano de Honra. É o mesmo nomeamento que, en 2015, lle foi outorgado ao activista coruñés Nicanor Acosta.

Lembra Camilo de Dios, nunha testemuña recollida pola comisión a finais de marzo deste ano, e que se pode ler na súa páxina web, que o peor día da súa vida non foi cando, sendo aínda un rapaz, o crego lle negou a comuñón por ser "fillo de roxos", nin tampouco cando chegou a casa e non estaba a súa nai nin ao día seguinte cando seguía sen chegar. Para Camilo de Dios, sen dúbida, "a noite máis amarga" da súa vida foi cando lle deron garrote vil ao seu compañeiro José María na Coruña. Os dous, xunto con outros compañeiros, participaron nuns golpes o día de San Xosé, en Ourense, os seus obxectivos eran tres xefes da Garda Civil. Saíu mal e, sen sabelo, metéronse no cuartel de Infantería. Conseguiron escapar, pero Camilo estaba moi ferido. "José María pegouse un tiro. Díxome que llo pegase eu, pero el tiña a man esquerda sa, porque a dereita desfixéranlla cunha granada, saqueille a pistola da funda, mirei se estaba montada e metinlla na man e pegouse el o tiro. Véxolle o ollo colgando, sen moas, cuspindo sangue? e dixen: 'Bueno, pois está morto'. E non o rematei precisamente por iso. E tres meses despois topeino no cárcere da Coruña", lembra Camilo de Dios. O compañeiro deixoulle un reloxo en herdanza que aínda conserva "colgado no espello" do seu cuarto.

Camilo de Dios perdeu ao seu irmán Pefecto a mans dos sublevados, foi executado aos 19 anos, en 1950, e a súa familia foi represaliada, tanto que, cando os seus pais chegaron de Portugal, no ano 1940, os seus pais foron detidos, non lles fixeron nada, pero cando os soltaron xa lles "roubaran as vacas e os porcos" e no seu fogar montáranlle un cuartel da Falanxe.

Na memoria de Camilo de Dios están aínda as lembranzas de cando, sendo nada máis que un neno, o vestían "cunha sotaniña e unha coroína" pasaba munición e pezas para as metralletas. "Ía disfrazado de curiña e levaba un misal romano, levaba estampas de Santa Teresa de Jesús", tanto se meteu no papel de aspirante a crego, que ao final, "estaba namorado" da santa de tanto ler os seus poemas.

"Nós non eramos nada daquela, mais era unha rebeldía o que tiñamos porque viamos as inxustizas", resume Camilo de Dios. eran rebelde porque eran uns nenos e tiñan que traballar no campo para poderen comer, porque sabían o que eran as represalias, porque non os querían na igrexa, porque pensaban que "os aliados" habían de chegar ao seu rescate para defenderen a República e frear a sublevación militar, pero nunca chegaron.

Cando escapou ao monte, Camilo de Dios só tiña 16 anos. "Fixen os 17 na Comandancia do Cuartel da Garda Civil alí en Ourense. Botei alí 59 días. Sen avogados, sen ver a ninguén, sen bañarme, sen lavarme, sen cambiar a roupa. O pantalón xa non tiña cuada, estaba sentado día e noite", lembra este guerrilleiro, que recorda os entrenos como "durísimos", porque tiñan que aprender a saltar para escapar se era necesario.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine