"Hai que loitar ecolóxicamente contra a contaminación, contra todo aquilo que fede moralmente", proclamou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, antes de descubrir a nova placa de División Azul, rúa do corazón do Ensanche coruñés que deu a benvida ao nome de Antón Vilar Ponte para dar cumprimento á Lei da Memoria Histórica. Convocado polo Concello, foi un dos actos celebrados por toda a cidade no día da conmemoración da proclamación da Segunda República.

O alcalde, Xulio Ferreiro, destacou que Vilar Ponte volve lucir nas rúas da Coruña "como símbolo dun tempo antigo pero temén dun tempo novo", no centenario das Irmandades da Fala, "que nacían hai cen anos para mudalo todo", nunha cidade na que, "digan o que digan, segue a falar, escribir, cantar e cambiar o mundo en galego". Ao seu lado, o Goberno municipal e concelleiros do PSOE e o BNG.

As homenaxes seguiron máis tarde no Campo da Rata. Fronte á Torre de Hércules, no que foi campo de fusilamento na Guerra Civil, o Ateneo Republicano convocou, como cada ano, unha concentración fronte ao monumento dos menhires de Isaac Díaz Pardo polo día da República. O Concello sumouse á celebración do 14 de abril, pendurando a bandeira tricor nunha xanela da casa Casares Quiroga, unha petición da Comisión pola Memoria Histórica, que solicitara que lucise na fachada do palacio municipal.

Os socialistas coruñeses, pola súa parte, ofreceron unha homenaxe ao ex vicepresidente do Senado e fundador e primeiro secretario xeral do PSdeG, José Luis Rodríguez Pardo, nun acto na sede da agrupación local e provincial na rúa Zalaeta no que realizaron unha lectura da Constitución republicana.